top of page

A Xunta pon en valor a área de interese paisaxístico do Castelo de Pambre, en Palas de Rei

Destácaa como exemplo da riqueza natural e patrimonial que atesoura Galicia


Laura Moure/Palas de Rei

A Xunta de Galicia puxo hoxe en valor a Área de especial interese paisaxístico (AEIP) do Castelo de Pambre, en Palas de Rei, como un exemplo da riqueza natural e patrimonial que atesoura a Comunidade e da necesidade de combinar a súa protección co desfrute público por parte da cidadanía.

Así o salientou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, realizou unha ruta a pé de máis de 2 quilómetros pola senda do río Pambre ata chegar ao miradoiro que ofrece unha panorámica xeral sobre toda esta zona.


Ao respecto, sinalou que neste percorrido únense o valor histórico e arquitectónico da fortaleza de Pambre e a posición estratéxica que ocupa, no epicentro dunha das 62 áreas declaradas de especial interese paisaxístico en toda a provincia de Lugo. En total, cómpre lembrar que a Comunidade está dividida en 12 grandes áreas paisaxísticas e do inventario realizado dos seus valores naturais e ecolóxicos, culturais e patrimoniais, de uso e estéticos ou panorámicos delimitáronse 210 AEIP así como outros 92 Espazos de interese paisaxístico (EIP) por todo o territorio.

Neste sentido, a conselleira subliñou que as 302 zonas delimitadas en Galicia atendendo á relevancia da súa paisaxe, nas súas diferentes modalidades, representan o 9,21% da superficie total da Comunidade e supoñen un “legado cultural e natural” que cómpre preservar e dar a coñecer para contribuír a poñelas en valor.


Con ese obxectivo, avanzou tamén que a Xunta segue dando pasos e buscando novas iniciativas que axuden a “monitorizar” a evolución e o estado de conservación dese patrimonio ao tempo que se fomenta un tipo de turismo “desestacionalizado e singular” que permite gozar todo o ano destas áreas de especial relevancia paisaxística.

Cómpre lembrar que parte da senda do río Pambre que visitou hoxe a conselleira está incluída no visor telemático do IET A paisaxe de Galicia dende a bicicleta, como parte da ruta cicloturista Centro Xeográfico de Galicia desde Melide a Palas de Rei.


Ademais, a AEIP do Castelo de Pambre pertence á Grande área paisaxística Galicia Central e ten unha extensión de case 329 hectáreas. Dentro dela destacan, ademais da fortaleza do século XIV e da súa contorna, as beiras dos ríos Pambre e Ulla na súa confluencia. Ademais, está considerada área prioritaria pola presenza de avifauna ameazada, conta con carballos centenarios e elementos de gran valor histórico, arquitectónico e patrimonial.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page