top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta pon en marcha unha aplicación que permitirá á cidadanía acceder de forma áxil e sinxela aos servizos da Axencia Tributaria de Galicia

A través desta APP os usuarios poderán pedir cita, pagar taxas ou obter os certificados de estar ao corrente de pago coa Xunta, entre outros servizos


Laura Moure/Xeral

A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha unha aplicación para dispositivos electrónicos (APP) que permitirá á cidadanía acceder de forma áxil, sinxela e intuitiva aos servizos da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). Neste momento, está dispoñible para o sistema IOS e nos vindeiros días xa estará tamén en Android.


A aplicación está dispoñible en galego e en castelán e inclúe servizos de acceso libre e outros que requiren acreditar a identificación do usuario. Esta identificación pode realizarse mediante a Chave365, o certificado electrónico ou o DNI electrónico (polo momento estes dous últimos só estarán dispoñibles para Android).

Servizos dispoñibles

A través desta APP e sen necesidade de identificarse, as persoas interesadas poden realizar unha solicitude de cita (tamén consultala, anulala ou modificala) para ser atendido de xeito presencial. O sistema de cita é opcional para a cidadanía e permite garantir a hora e o día no que se lle vaia a atender. A Atriga atendeu no 2023 a preto de 148.000 galegos e galegas de xeito presencial.


Tamén permite realizar o pago de taxas e prezos, multas e sancións a través de tarxeta bancaria ou da plataforma Bizum. Neste marco, hai que lembrar que o ano pasado realizáronse 221.511 operacións a través do TPV virtual, das que o 92% foron taxas; e 26.258 operacións empregaron a plataforma Bizum (das que o 97% foron taxas). Ademais, pódense consultar as oficinas de presentación da Atriga (cos datos de contacto); consultar as entidades colaboradoras coa Axencia; ou verificar documentos por CSV (Código Seguro de Verificación), tanto de xeito manual como a través da captura do código de barra do documento coa cámara do dispositivo móbil.


Por outra banda, a cidadanía tamén poderá, previa identificación, consultar e realizar o pago de débedas notificadas pola Atriga mediante tarxeta ou Bizum; ou obter os certificados de estar ao corrente de débedas coa Xunta e de ser ou non declarantes do Imposto de Patrimonio, necesarios para obter axudas, subvencións ou participar en procesos de contratación. No ano 2023, a Oficina Virtual Tributaria (OVT) galega expediu preto de 48.000 certificados de estar ao corrente.


Esta nova aplicación, que irá ampliando os servizos dispoñibles, enmárcanse nas actuacións desenvolvidas pola Atriga para reforzar e avanzar na información e simplificar a asistencia a toda a cidadanía. Trátase en definitiva, de facilitar o cumprimento das súas obrigas tributarias, evitando os desprazamentos e co conseguinte aforro de tempo e custos na realización dos trámites tributarios.


Plan Xeral de Control Tributario 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén publica hoxe o Plan Xeral de Control Tributario para 2024 que ademais de incrementar os servizos da nova aplicación para dispositivos móbiles recolle algunhas novidades.


Publicidade

Así, a Axencia Tributaria de Galicia simplificará a linguaxe utilizada nos documentos máis comúns e habituais co obxectivo de facilitar a comunicación coa cidadanía. Neste marco, engadirase un resumo no que se indicará que é ese documento, para que se lle envía á persoa interesada, que ten que facer con el ou onde pode obter axuda.


Tamén se redeseñará a páxina web da Atriga para simplificar o seu uso e operatividade, cunha linguaxe máis sinxela, buscadores, e información destacada das operacións máis frecuentes para obter o que se precise de maneira áxil, e outorgando un maior protagonismo aos servizos dos contribuíntes e á realización de trámites por vía electrónica.

Ademais, habilitarase como medio de pago a transferencia bancaria para o pago daquelas débedas que, conforme á normativa vixente, poida ser efectuado a través da Oficina Virtual Tributaria, cando o contribuínte non dispoña de conta aberta nas entidades bancarias colaboradoras na xestión recadatoria coa Atriga.


Publicidade

A Axencia Tributaria de Galicia tamén subscribirá un convenio coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) que regulará a colaboración entre ambas para o intercambio electrónico dos datos do Rexistro de Vehículos e do cumprimento das obrigas fiscais. Isto axilizará os trámites a realizar para cambiar a titularidade dos vehículos, pois facilitarase unha tramitación integramente electrónica a todo tipo de interesados e minimizarase o intercambio de datos persoais.


Hai que lembrar que a Xunta atendeu o ano pasado un total de 262.018 galegos e galegas co obxectivo de facilitar o cumprimento das súas obrigas tributarias. Do total, 147.990 foron atendidas de maneira presencial nos 47 puntos de información que a Atriga ten distribuídos por toda Galicia; e ás 114.028 restantes prestóuselles asistencia pola vía telefónica. Do total, 7.695 recibiron atención tributaria a través da canle preferente para maiores de 65 anos posta en marcha en 2022.




0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page