top of page

A Xunta pide ao Tribunal Superior de Xustiza prorrogar a presentación do certificado Covid

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

De ser ratificada a medida polo TSXG será preciso mostralo ata o vindeiro de 26 febreiro


Laura Moure/Xeral

A Xunta de Galicia vén de solicitar ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia prorrogar a obrigatoriedade de presentar os certificados Covid-19 ata o vindeiro día 26 de febreiro, nos ámbitos actuais. Os indicadores epidemiolóxicos, amosan unha tendencia descendente, tanto na taxa a 7 días (1.034 casos por cada 100.000 habitantes), como na taxa a 14 días (2.393 casos por cada 100.000 habitantes). Non obstante, estes valores seguen a ser elevados, o que indica que o virus continúa a ter unha elevada circulación.

"Por este motivo, é importante que as autoridades sanitaria manteñan determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación do coronavirus, e así a facer fronte á crise sanitaria derivada da Covid-19", sinala a administración autonómica. Cómpre lembrar que non existe ningunha medida de prevención que por si soa poida evitar completamente os contaxios polo virus Sars-CoV-2, sobre todo cando estes contactos se produzan sen que se poida garantir totalmente as medidas de prevención non farmacolóxicas que se aplican na maioría de ámbitos, como son, o uso da máscara en todo momento ou o mantemento da distancia interpersoal de seguridade.


De ser ratificado polo Tribunal Superior de Xustiza, medida prorrogaríase nos seguintes ámbitos.

  • Establecementos de restauración, hostalaría, lecer nocturno e de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración.

  • Visitas a persoas hospitalizadas, así como acompañantes nos hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise.

  • Visitas e acompañantes en centros sociosanitarios, residenciais de maiores e de persoas con discapacidade.

  • Albergues turísticos.

  • Práctica da actividade física e deportiva non federada en centros ou instalacións deportivas pechadas e piscinas cubertas.

  • Eventos multitudinarios ou aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo durante os mesmos.

Sanidade lembra que é preciso manter un comportamento social de cautela e autoprotección asentado nas premisas de hixiene respiratoria e das mans; distancia interpersoal de seguridade; uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles coa Covid-19.


O feito de exhibir o certificado Covid constitúe unha medida adicional de seguridade naquelas actividades de maior risco, contribuíndo a diminuír o risco de transmisión, padecer a enfermidade dun xeito grave, ou a xeración de abrochos. Ademais, a día de hoxe en día é preciso o certificado Covid-19 para viaxar a determinados países. Deste xeito, Galicia segue a apostar por presentar os certificados Covid-19 como unha medida de prevención que ten como valor engadido, ademais, o fomento da vacinación e a realización de probas diagnósticas.

 
 

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page