top of page

A Xunta outorga a Santiso unha axuda para instalar un xardín vertical no centro médico de Visantoña

As obras, que comezarán proximamente e cun prazo de execución de dous meses, inclúen a impermeabilización da fachada, o axardinamento vertical, a automatización do mecanismo de regado e a instalación dun sistema de recollida de augas


Laura Moure/Santiso

A Xunta de Galicia concedeu unha axuda de preto de 40.000 euros ao Concello de Santiso para a instalación dun xardín vertical en parte das fachadas do centro médico de Visantoña. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou onte o municipio para coñecer en que consistirán os traballos e felicitou ao alcalde, Manuel Adán, por aproveitar as achegas destinadas aos concellos para impulsar zonas verdes para mellorar o estado deste inmoble que dá servizo ao conxunto da veciñanza. 


As obras, que comezarán proximamente e terán un prazo de execución de dous meses, inclúen a impermeabilización da fachada de bloque de formigón, o axardinamento vertical con cultivo hidropónico con especies de plantas para exterior -cunha densidade de 36 unidades por metro cadrado-, a automatización do mecanismo de regado e a instalación dun sistema de recollida de augas cun canlón cadrado de aluminio lacado. 

O Consistorio de Santiso. Autor: Ecos da Comarca.
O Consistorio de Santiso. Autor: Ecos da Comarca.

A responsable autonómica lembrou que esta actuación se enmarca nas axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos. Concretamente correspóndese coa liña B para o incremento da biodiversidade e das zonas verdes urbanas, o que contribuirá a mellorar a contorna, a conservación de especies vexetais locais, adaptar a contorna ao cambio climático, mellorar a calidade ambiental e crear espazos saudables para residentes e visitantes. 

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, destacou a boa acollida da primeira convocatoria desta liña de apoios na que se concederon axudas a 35 concellos para a execución de 42 proxectos, esgotando os 2 millóns de euros do orzamento dispoñible. No caso da provincia da Coruña concedéronse en total 13 achegas a 11 concellos por un importe total de preto de 630.000 euros. 


Todas estas iniciativas, nas que o Executivo galego aporta ata o 80% do importe subvencionable e como máximo 60.000 euros por iniciativa -cun límite de tres proxectos por solicitante-, mobilizarán un investimento total de máis de 2,5 millóns, contando tanto as achegas autonómicas como as aportacións dos concellos.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O obxectivo da convocatoria é apoiar aos concellos para que realicen intervencións en espazos públicos coas que atenuar o efecto illa de calor, incrementar os espazos verdes e a biodiversidade urbana existentes e fomentar a conectividade natural entre as zonas urbanas e periurbanas aproveitando treitos fluviais e sendas.


Entre un 40% e un 70% das emisións GEI

Cómpre lembrar que o obxectivo desta liña de axudas é avanzar no obxectivo de dotar ás zonas urbanas de espazos e pulmóns verdes como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas tendo en conta que se estima que é nas áreas máis poboadas onde se xeran entre un 40% e un 70% de todos os gases de efecto invernadoiro (GEI).


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A existencia destas contornas naturais, de feito, repercute na redución das emisións á atmosfera e na mellora da calidade de vida da cidadanía polos beneficios que reportan para a saúde e pola sociabilidade, ao ser tamén espazos de encontro e lecer colectivo.


A conselleira puxo en valor que este tipo de actuacións son básicas para consolidar a posición de Galicia como a comunidade española máis resiliente fronte ao cambio climático pois logrou reducir preto dun 62% as súas emisións netas de gases de efecto invernadoiro desde 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas. Proxectos así, destacou, serán vitais para a consecución do obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040.

Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page