Estas axudas están destinadas á adquisición de novidades editoriais en galego e á mellora de coleccións bibliográficas
Laura Moure/Deza
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de outorgar preto de 23.000 euros en axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora de coleccións bibliográficas a seis bibliotecas municipais e axencias de lectura das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta liña de achegas, que acaba de ser aprobada, nunha visita á Biblioteca Municipal da Estrada.
A biblioteca municipal de Lalín.
Autor: Ecos da Comarca.
“É fundamental seguir apoiando a cultura e aos creadores e tamén achegar a literatura aos
cidadáns a través da ampla rede de bibliotecas que hai por toda Galicia”, detallou Luis
López, que explicou que esta orde inclúese no compromiso da Xunta para fomentar a cultura nas contornas rurais e urbanas ao tempo que se colabora co sector editorial. Concretamente en Deza, as bibliotecas beneficiarias son as de Lalín, Silleda, Vila de Cruces e Rodeiro que reciben un total 14.223 euros.
A primeira liña, para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico, permite
que as bibliotecas incorporen estes libros dende o momento da súa entrada no mercado
mediante un proceso áxil e atendendo á demanda. A segunda orde de axudas céntrase na mellora das coleccións bibliográficas de bibliotecas e axencias de lectura públicas para que os Concellos poidan actualizar os seus fondos e os traballadores dispoñan de máis marxe para planificar a adquisición das novidades editoriais e se poida aumentar a oferta aos usuarios con especial fincapé nas campañas de verán e Nadal, nas que adoita subir a demanda.
Así para adquirir novidades editorias en galego Lalín recibe 1.938 euros, Rodeiro 775 e Silleda e Vila de Cruces 1.163 euros respectivamente. Mentres para mellorar as coleccións bibliográficas á capital dezá concédeselle 3.242 euros, a Camba 1.620 e os municipios silledense e cruceño 2.161 euros cada un.
Comments