Perruquería Marisa.gif

A Xunta organiza en Lalín un obradoiro de iniciación á análise sensorial dos queixos galegos

Impartirase no Pazo de Azunxao do 3 ao 5 de outubro en horario de tarde


Laura Moure/Lalín

A Oficina Agraria Comarcal de Lalín, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias básicas de análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida. O obradoiro impartirase no Pazo de Azunxao do 3 ao 5 de outubro, cun horario de tarde dende as 16:00 horas ata as 21:00 horas.

O programa deste curso trata unha serie de aspectos sobre as cualidades e características destes produtos. Isto inclúe nocións relativas á historia das denominacións de orixe, dos queixos incluídos nelas e dos diferentes consellos reguladores, entre outros aspectos. Así mesmo, tamén se farán catas de queixos con denominación de orixe, tanto na modalidade de cata a cegas como contando con fichas comentadas e produtos de referencia.


A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso que os asistentes aprendan o esencial para recoñecer as cualidades organolépticas, saber identificalas e recoñecelas no produto sempre tendo en conta as cualidades e características das denominacións de orixe protexida. Esta formación é necesaria para poder diferenciar as características esixidas por cada consello regulador, e así protexer os produtos pertencentes á denominación de orixe dos que non reúnan as cualidades necesarias.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 886 159 476, ou enviarse un correo a juan.antonio.ortega.martinez@xunta.gal.

8 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif