top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta organiza actividades e degustacións de produtos galegos no Festival da Luz de Boimorto

Estas accións, postas en marcha pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, están destinadas a todos os públicos


Laura Moure/Boimorto

A Consellería do Medio Rural, por medio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, estará presente un ano máis no Festival da Luz de Boimorto, que se celebra esta fin de semana, cun programa de actividades e degustacións de produtos galegos con indicativo de calidade aberto a todos os públicos.

Como novidade, este ano habilitarase unha Tenda das experiencias de calidade onde se atoparán moitos dos produtos de diferentes denominacións de orixe (DO), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e marcas de calidade diferencial galegas. Nela os asistentes tamén poderán facer un percorrido virtual pola plataforma www.experienciasdecalidade.gal.


En canto á programación, o sábado 26 as actividades comezarán ás 11:00 horas cunha cata da IXP Mel de Galicia, dirixida por persoal deste consello regulador. Posteriormente, desenvolveranse dúas actividades nas que se darán a coñecer distintos produtos con certificación ecolóxica por medio dunha receita e unha charla divulgativa, que serán impartidos por persoal do Craega. Así, ás 13:00 horas o prato no que se centrarán é unha ensalada cremosa de tomate e atún de produción ecolóxica con DOP queixo Tetilla e aceite de oliva 100% galego de Artesanía Alimentaria e produción ecolóxica. Así mesmo, ás 16,30 horas a actividade xirará arredor dunha mousse de queixo DOP Cebreiro con terra de noces de produción ecolóxica cubertas de caramelo.


Publicidade

A tarde continuará de novo cunha cata na que se poderán coñecer os queixos galegos con denominación de orixe protexida (Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro). Por último, o día rematará cunha nova receita e charla divulgativa do tataki da IXP Ternera Gallega Suprema con crocante oriental e crema de aceda de DOP Pemento de Herbón con raiadura de queixo DOP San Simón da Costa.


Pola súa banda, o domingo 27 tamén comezará cunha cata ás 11:00 horas, neste caso da IXP Pan de Cea e Pan Galego. A continuación haberá outras dúas actividades con receitas e charlas divulgativas, sendo a das 13:00 horas sobre o humus de IXP Faba Lourenzá, con DOP Mexillón de Galicia e sidra de produción ecolóxica; e a das 16:30 horas sobre a sobremesa de tella crocante de améndoa e limón de produción ecolóxica e doce de Ayran a base de iogur e menta de produción ecolóxica e IXP Mel de Galicia.


Posteriormente, ás 18:00 horas haberá unha nova entrega das catas dos queixos galegos con denominación de orixe protexida. Para finalizar, as actividades rematarán cunha receita e charla divulgativa ás 19:30 horas sobre a costela de porco de produción ecolóxica con IXP Grelos de Galicia e queixo DOP Arzúa-Ulloa. Ademais, todas estas actividades acompañaranse con sorteos de produtos e reparto de material promocional entre os asistentes. Por outra banda, para os máis cativos, haberá tamén obradoiros de tatuaxe e maquillaxe, ademais de xogos.


Publicidade


Cómpre lembrar que o festival de Boimorto conta tamén coa implicación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que contribúe dobremente á súa organización. Dunha banda, mediante o apoio conxunto ao talento musical galego no escenario Sonemerxente, no que tocarán os 10 artistas e grupos emerxentes da aceleradora de proxectos musicais que a Xunta desenvolve en colaboración coa Fundación Paideia.


Doutra, a través da convocatoria anual de subvencións para festivais de música e de artes escénicas, que en 2023 distribúe a súa dotación de 575.000 euros entre 26 eventos de toda Galicia. O evento súmase deste xeito á axenda global de máis de 2500 actividades culturais que o Goberno galego impulsa este verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page