Entre os centros figuran de Melide, Lalín e Vila de Cruces
Laura Moure/Xeral
Os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, asinaron hoxe no Centro Galego de Innovación da FP, Eduardo Barreiros, en Ourense, un acordo para a coordinación das accións formativas para persoas desempregadas que se imparten en centros de FP, entre eles en Melide, Lalín e Vila de Cruces.
Ao abeiro de dito acordo, entre o presente curso 2023-24 e o vindeiro 2024-25 impartiranse un total de 141 accións formativas deste tipo en 48 concellos de toda Galicia, cun investimento que acada os 5,83M€. Cada acción está constituída polo contido das especialidades formativas para obter certificados de profesionalidade. Ademais, en todas elas impartirase o módulo transversal de Inserción laboral, sensibilización ambiental e na igualdade de xénero e o curso básico de prevención de riscos laborais.
O obxecto destas accións formativas nas que teñen preferencia as persoas desempregadas enmárcase no impulso da cualificación profesional ao longo da vida ao tempo que se dá unha resposta axeitada ás necesidades e ás demandas do tecido produtivo.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salientou “o importante papel” que xogan neste eido as ensinanzas de FP, xa que a través delas “as persoas acadan un futuro de éxito laboral e persoal e as empresas contan con profesionais altamente cualificados e con coñecementos axustados ás súas demandas”.
Tamén puxo en valor o traballo que se está a desenvolver desde o Centro Galego de Innovación da FP, en Ourense, un espazo de innovación aplicada e de cooperación con distintos sectores produtivos de Galicia no que, grazas á implicación empresarial, xa están en marcha distintos proxectos vinculados cos eidos da enerxía, forestal, téxtil, auga, enerxía, medioambiente ou social, entre outros.
Publicidade
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, pola súa banda, destacou o compromiso transversal que a Xunta de Galicia está a realizar para coordinar a oferta de Formación Profesional e adecuala ás necesidades do tecido produtivo, do que é exemplo o acordo hoxe asinado.
Rivo destacou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a centrar a súa acción de goberno na busca de máis traballo e de maior calidade. En 2024, este departamento está a destinar máis de 117 millóns de euros ao Plan Galego de formación para o emprego 2024 con accións destinadas a traballadores ocupados ou non.
A conselleira lembrou que Galicia é referente por apostar polo novo modelo de formación para o emprego e os certificados de profesionalidade da man dos clústeres e entidades representativas de sectores estratéxicos. Tamén por implantar as microcredenciais, un modelo innovador que espertou o interese en Bruxelas, e que ofrece solucións de formación a sectores en continuo cambio, para apoiar aos traballadores no desempeño das súas funcións ou durante transicións profesionais.
Novidades da oferta
Na oferta formativa deste ano están representadas 20 das 26 familias profesionais actualmente existentes con 20 accións formativas novas que non se ofertaron no ano anterior en algún dos centros 73 autorizados, cinco máis que o ano 2023. Ademais, como novidade, inclúense dez accións formativas que serán impartidas por primeira vez en Galicia no marco deste convenio, en concreto os cursos de Instalación de elementos de carpintaría no CIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais no CIFP Porta da Auga (Ribadeo) e no IES Francisco Asorey (Cambados), Acondicionamento físico na sala de adestramento polivalente no CIFP A Farixa (Ourense), Actividades de xestión administrativa no CIFP Portovello (Ourense), Manexo e mantemento de maquinaria agraria no CIFP A Granxa (Ponteareas), Operacións básicas de pisos en aloxamentos e Pastelaría e confeitaría no CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), Actividades auxiliares de almacén no IES Ribeira do Louro (O Porriño) e Montaxe e posprodución de audiovisuais no CIFP Audiovisual de Vigo (Vigo).
Publicidade
Ensinanzas de FP
A través do acordo asinado hoxe tamén se autoriza aos centros educativos dependentes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a impartir varios módulos de ciclos de FP. Así, o CIFP Santiago inclúe na súa oferta parte do ciclo superior en Xestión Forestal e do Medio Natural, e o de Coia (Vigo), dos ciclos superiores en Mecatrónica industrial e en Automatización e Robótica Industrial e do ciclo medio en Mantemento electromecánico. Pola súa banda, o CIFP Santa María de Europa (Ourense) oferta módulos do ciclo medio en Carpintería e moble.
Ademais, autorízase a impartición na Escola de FP Marítimo- Pesqueira de Bueu de módulos profesionais específicos correspondentes á FP Básica en Actividades marítimo pesqueiras.
Os centros educativos autorizados poden consultarse no seguinte enlace:
Comments