top of page

A Xunta notifica un foco da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica na comarca veterinaria da Ulloa

Trátase dunha doenza vírica que afecta ao gando bovino, pero que non se transmite ás persoas nin é contaxiosa entre os animais


Laura Moure/A Ulloa

A Xunta notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de tres novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Ribadavia e Valdeorras, na provincia de Ourense; e un na comarca veterinaria da Ulloa, na provincia de Lugo. Dado que xa había confirmados focos da enfermidade nestas provincias, o diagnóstico laboratorial foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural.


Con esta declaración, Galicia ten notificados focos en 27 comarcas veterinarias neste novo

período estacional 2024 de circulación do vector transmisor: 14 na provincia de Ourense

(A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de

Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín e Viana); 8 na

de Lugo (Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Chá-Guitiriz, Terra de

Lemos-Quiroga e A Ulloa), e os 5 declarados na provincia de Pontevedra (A Paradanta, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós Terra de Montes), neste novo

período estacional 2024 de circulación do vector transmisor. Por outra banda, o número de

explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 756 e os animais positivos

confirmados en 1.698.


Galicia, pioneira en indemnizar

A Consellería do Medio Rural foi unha das pioneiras neste sentido e habilitou en 2023 a

indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade, que continúa

tamén en 2024. Neste sentido, xa se destinaron máis de 200.000 euros a estas achegas

para compensar a morte de 409 animais de 195 explotacións, datos referidos ao anterior período de circulación do vector transmisor, posto que, no actual período, aínda non se

rexistraron solicitudes.

A esta liña de apoio sumaranse tamén as axudas por tratamentos veterinarios aos animais

afectados ou por uso de desinsectantes nas explotacións, comprometendo o MAPA un

total de 15 millóns de euros en toda España para este fin neste ano, pero aínda pendentes

de aprobarse e derivarse ás comunidades autónomas.


Nesta liña, a Consellería do Medio Rural reitera a necesidade de que se activen, mediante

o correspondente Real Decreto, eses 15 millóns de euros comprometidos para a loita

contra esta enfermidade e que, entre os custos subvencionables, se permita incorporar a

vacina. A Xunta considera urxente adoptar esta medida para que as comunidades

autónomas poidan, á súa vez, habilitar as correspondentes ordes de axudas e facer chegar os fondos á maior brevidade posible aos gandeiros, tendo en conta o axustado dos

prazos a estas alturas do ano.


Cómpre indicar que, en Galicia, ao fin da pasada estación de circulación do vector, a

Consellería rexistrou un total de 641 explotacións, sobre un censo superior ás 30.000

explotacións bovinas, nas que resultaron afectados 1.484 animais, cun índice de

mortalidade do 1,09%.


Publicidade


Vacina e medidas preventivas

A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero

Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe polo tanto un período de posible afectación

dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos

que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.


A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza

non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor,

por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne,

leite…) destes animais.

Publicidade

Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina

desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do

Medicamento e Produtos Sanitarios, que xa está dispoñible para a súa adquisición baixo

prescrición veterinaria. Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración

da vacina, é fundamental a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o

contacto dos animais co mosquito vector, en concreto:

  • Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente áreas con materia orgánica húmida ou lama,

    zonas de elección para a cría para estes mosquitos.

  • Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno.

  • No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.





0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page