top of page

A Xunta mellora os servizos de autobús aos centros penais de Monterroso e de Bonxe

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Isto permite xa que o de Monterroso dispoña de 25 servizos cada semana na súa conexión con Lugo, tendo en conta que a maioría das visitas proceden da capital de provincia


Laura Moure/Monterroso

A Xunta mellora os servizos de autobús aos centros penais de Monterroso e de Bonxe, en Lugo, para lograr unha mellor adecuación aos horarios de visita dos centros. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, elaborou un estudo pioneiro en España co obxectivo dotar os cinco centros penais de Galicia -o penal de Teixeiro, o de Bonxe, o de Monterroso, o do Pereiro de Aguiar e o da Lama- de mellores servizos de autobús, incorporando máis frecuencias e horarios axustados ás quendas de visitas destes centros.

A cárcere de Monterroso. Autor: Ecos da Comarca.

O cárcere de Monterroso, concretamente, xa contaba con parada nos servizos de autobús que unen este municipio con Lugo, polo que a Xunta incrementou unha frecuencia máis con saída desde a cidade para dar maior cobertura aos desprazamentos nos horarios dos vis a vis do cárcere, pois a maioría das visitas proceden da capital da provincia. Para aumentar os servizos en horarios adecuados ás quendas de visita do penal, a Xunta implantou un servizo de ida ás 10 da mañá de luns a domingo, que xa está en funcionamento. O centro penal de Monterroso conta con 25 servizos cada semana na súa conexión con Lugo. De luns a venres, os usuarios dispoñen de tres servizos, dous de ida e outro de volta a Lugo ás 10:00, ás 15:40 e ás 20:45 horas, respectivamente. Mentres, os sábados e domingos a oferta inclúe dúas idas, con chegada ao centro ás 10:40 e ás 15:40 horas, e tres voltas, con saída ás 13:45, 18:00 e 20:45 horas. Esta distribución ao longo da xornada permite o acceso ás quendas de visita establecidas en distintos horarios desde a mañá ata o serán.


Ademais das visitas que teñen a súa orixe en Lugo, na actualidade existe demanda de usuarios que se desprazan desde Carballo, Lalín e Ourense. No caso de Lalín, contan cun servizo de ida, que chega ás 13:45 horas, e outro de volta, que sae ás 19:45 horas, de luns a domingo pola tarde. As conexións en autobús con Ourense e Carballo son posibles a través de transbordos en Monterroso e na Coruña, ofrecendo tamén unha ida e unha volta de luns a domingo pola tarde nas mesmas franxas horarias que os servizos desde Lalín.


A Xunta contou neste proceso coa participación dos responsables do cárcere lugués, para recoller as súas peticións particulares e incorporalas ao plan de mellora. O reforzo da oferta deseñado pola Xunta atendeu as demandas principais do centro penal de Monterroso, referidas a unha carencia de servizos pola mañá, en particular nas fins de semana, que concentran o 90% das visitas aos internos.


O pasado 16 de decembro a Xunta abordou estes reforzos cos responsables dos dous centros penitenciarios de Monterroso e de Bonxe. Se ben os novos servizos que benefician ao cárcere de Monterroso xa están implantados, os de Bonxe prevese que poidan empezar a funcionar en vindeiras semanas.


Esta iniciativa englóbase na mellora continua dos servizos de autobús que vén realizando o Goberno galego e sitúa a comunidade como a primeira en dispor dun proxecto específico para atender as necesidades de mobilidade dos usuarios que se desprazan aos centros penais para visitar aos internos.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page