top of page

A Xunta licita por uns 135.000 € as obras da ampliación do saneamento de Santa María de Melide

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o anuncio deste contrato ao que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 10 de xaneiro


Laura Moure/Melide

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 133.763 euros as obras que completarán a ampliación do saneamento na parroquia de Santa María no concello de Melide. A intervención obxecto deste contrato céntrase na execución dun novo colector de saneamento que recolla as augas residuais das vivendas de Santa María que aínda carecen deste servizo e as conduza por gravidade para a súa conexión co colector executado a ambas as marxes da estrada nacional N-547.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio da contratación destas obras, que teñen un prazo de execución de 2 meses. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de xaneiro.

Esta nova actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado o pasado mes de abril entre a Xunta e o Concello que prevé un investimento de 150.000 euros. Segundo o establecido no convenio, a Xunta achegará ata 120.000 euros para a execución destas obras e o Concello de Melide contribuirá ao financiamento restante.

Augas de Galicia tamén levará a cabo a contratación e execución dos traballos, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

Pola súa banda, a entidade local asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo. Esta actuación será cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do programa 2014-2020.


Actuación

Os traballos que se van realizar baixo este contrato consisten na dotación dun colector de saneamento de 417,54 metros de lonxitude para a súa conexión augas abaixo co colector existente. Realizarase unha perforación horizontal dirixida, paralela á N-547, para salvar unha zona moi estreita entre unha vivenda e a estrada nacional, onde o colector se colocará a máis de 6 metros de profundidade.

Completarase a nova rede con 10 pozos de rexistro e reporanse os pavimentos afectados polas obras nas entradas ás vivendas.

As obras completan a rede de saneamento proxectada para dar servizo á poboación da parroquia de Santa María, dando servizo a 206 habitantes no ano horizonte 2040.

Esta intervención súmase á primeira fase xa executada pola Xunta e entregada o pasado ano ao Concello, coa que se dotou de saneamento as vivendas unifamiliares e edificacións de ambas as marxes da estrada N-547 nesa contorna.


Esas obras supuxeron un investimento superior aos 126.000 euros e centráronse na construción dun sistema de algo máis de 1,4 km de lonxitude que recolle as augas residuais urbanas das vivendas que carecían deste servizo, para ser conducidas ata a rede de saneamento existente na parroquia, e que acaba nun bombeo que impulsa as augas residuais cara á depuradora de Melide.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento, de competencia municipal.

0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page