A Xunta licita por máis de 1,7 M€ as obras do novo centro de saúde de Antas de Ulla
- Laura Moure

- 20 may 2025
- 2 Min. de lectura
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 16 de xuño para presentar as súas ofertas
Laura Moure/Antas de Ulla
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por importe de 1.758.997,76 euros, das obras de construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla, en Lugo. A nova infraestrutura sanitaria permitirá máis que duplicar a superficie do centro de saúde actual (295 metros cadrados), acadando os 634 metros cadrados.

A previsión do Goberno galego é ter adxudicadas as obras antes de que remate este ano, co obxectivo de iniciar os traballos de construción do novo centro a comezos de 2026. O prazo de execución será de 16 meses.
A construción deste novo centro de saúde en Antas de Ulla está recollida na fase 1 do Plan de Infraestruturas sanitarias de atención primaria do Servizo Galego de Saúde.
O novo equipamento sanitario situarase nunha parcela baleira na avenida de Lugo do municipio. O obxectivo é crear un novo espazo público que fomente o descanso e o contacto coa natureza na contorna do centro de saúde.
Publicidade
Deste xeito, Antas de Ulla disporá dun centro sanitario con 6 consultas: 2 de medicina xeral, 2 de enfermaría, 1 de toma de mostras e 1 consulta polivalente. Contará, ademais, con vestíbulo, zonas de espera, recepción, sala de xestión da información, arquivos, aseos e locais técnicos. Na parte de persoal haberá unha bibioteca-sala de estar, un despacho de coordinación e vestiarios. Ademais, contarase cos cuartos técnicos para instalacións.
Publicidade
Con esta actuación a Xunta mellorará a infraestrutura sanitaria de atención primaria en que o Servizo Galego de Saúde atende unha poboación de 1.600 persoas. As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 16 de xuño para presentar as súas ofertas. Este proxecto é susceptible de cofinanciamento pola Unión Europea nun 60 % no marco do programa Feder de Galicia 2021-2027.








Comentarios