top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta licita por máis de 1,2 M€ a mellora en dúas estradas ao seu paso por Monterroso, Palas e Taboada

Intervirase ao longo dos arredor de 20 km que suman as dúas estradas que conforman o eixe de comunicación destes tres municipios


Laura Moure/A Ulloa

A Xunta licitou este venres por máis de 1,2 M€ as obras de mellora do firme en dúas estradas autonómicas da provincia de Lugo ao seu paso polos concellos de Monterroso, Taboada e Palas de Rei. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou en Monterroso esta actuación, que incrementará a comodidade e a seguridade viaria dos usuarios das estradas LU-212 e LU-221.


No encontro mantido onte cos alcaldes destes tres municipios, a conselleira trasladoulles o primeiro paso para a materialización das obras, porque a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación dos traballos de mellora do firme nestas dúas vías autonómicas: a LU-212 que une Taboada e Monterroso; e a LU-221, que vai de Monterroso a Palas de Rei.

As intervencións recollidas neste contrato permitirán actuar e mellorar o firme naquelas zonas onde é necesario ao longo dos arredor de 20 km  de lonxitude que suman estas dúas vías da Xunta, realizando reforzos localizados e puntuais do pavimento. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 22 de maio para presentar as súas ofertas. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.


Martínez Allegue avanzou a previsión do departamento que dirixe de iniciar as obras no verán para poder telas rematadas este mesmo ano. Resaltou que o obxectivo destes traballos nestas 2 estradas autonómicas que conforman o eixe de comunicación Taboada-Monterroso-Palas de Rei é reparar e renovar o firme nas zonas onde é preciso actuar para adecualo ás necesidades de durabilidade e funcionais das propias vías, co fin último de garantir a seguridade e a comodidade nos desprazamentos dos veciños. Repararanse posibles fisuras e cuarteos, renovando o firme nas zonas nas que este se atope máis deteriorado nestas dúas vías de titularidade autonómica que soportan un tráfico que se sitúa arredor dos 2.200 vehículos ao día.


Publicidade

Martínez Allegue fixo fincapé no traballo da Xunta para manter os máis de 5.500 km de estradas autonómicas nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria dos usuarios, destinando neste ano 53 M€ a este fin. Resaltou que a través do Plan de reforzos de firme en 2024 xa se levan licitados traballos por máis de 23 M€, dos que 5,6 M€ se corresponden con actuacións de mellora do firme nas estradas da Xunta na provincia de Lugo. Martínez Allegue contrapuxo a situación das vías autonómicas coa das estradas de titularidade estatal, responsabilidade do Goberno de España, que presentan un déficit de conservación, como se pode apreciar no lamentable estado de moitas desas vías da provincia.


Referiuse, ademais, á aposta da Xunta por dotar aos veciños da provincia de mellores conexións viarias, co acondicionamento de estradas como as que conforman o eixe Palas de Rei-Friol-Begonte ou avanzando na conversión en autovía do corredor Nadela-Monforte. 

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page