O contrato será para os vindeiros catro anos por un investimento de máis de 7,6 millóns de euros
Laura Moure/Dozón
A Xunta vén de licitar o contrato de conservación e mantemento das autoestradas Dozón-Ourense (AG-53) e do seu ramal cara ao Carballiño (AG-54) para os vindeiros catro anos por un investimento de máis de 7,6 millóns de euros. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica a licitación deste servizo que inclúe as tarefas de conservación ordinaria e de vialidade invernal nestas vías de alta capacidade de titularidade autonómica.
As empresas interesadas en desenvolver este contrato no período comprendido entre os anos 2021 e 2025 poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de xuño. As actuacións obxecto deste programa levaranse a cabo no tronco da autoestrada AG-53, no ramal cara ao Carballiño (AG-54), en todos os ramais de enlace e camiños de servizo e cruces coas citadas infraestruturas.
As actividades desenvolveranse tendo como base o centro de control e explotación existente no enlace coa estrada OU-504 en Cea, á altura do punto quilométrico 73,2 da AG-53.
Actuacións
Os traballos a realizar polo adxudicatario contemplan tarefas de vialidade destinadas a facilitar a circulación dos vehículos nesta vía en condicións axeitadas de seguridade e fluidez. O contrato tamén abrangue as actividades de conservación ordinaria dirixidas a manter en boas condicións as características funcionais ou estruturais dos elementos da estrada e a corrixir os impactos negativos que poidan dificultar a correcta realización da súa función.
Ademais, a empresa adxudicataria deberá realizar as actividades de conservación extraordinaria destinadas a pór en situación inicial as características dos elementos da estrada, ou no seu caso, a mellorar os estándares iniciais. Este contrato súmase aos impulsados pola Xunta para asegurar a conservación e a vialidade invernal na rede autonómica de estradas convencionais tamén durante os vindeiros catro anos, recentemente licitados por importe de máis de 130 millóns de euros.
Autoestrada AG-53
Fonte: Wikipedia
コメント