top of page

A Xunta licita as obras de humanización da rúa da Sobreira e da Gándara, no concello de Boimorto

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou onte esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que finaliza o vindeiro 31 de outubro


Laura Moure/Boimorto

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de licitar as obras de humanización da rúa da Sobreira e da Gándara, no lugar de Vilanova, no concello de Boimorto. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, por un importe de 248.713 euros, establecendo un prazo de presentación de ofertas que finaliza o vindeiro 31 de outubro.


A través deste contrato, ao abeiro do chamado Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, executaranse beirarrúas en ambas marxes da rúa Sobreira, previa ampliación do viario existente; e na execución de 42 metros lineais de beirarrúa de 1,80 m de ancho na Gándara.

En concreto, na rúa Sobreira, trátase de habilitar beirarrúas que contarán cunha lonxitude duns 175 metros na marxe esquerda, e duns 120 metros pola marxe dereita e disporán dun ancho libre de paso de 1,80 metros. A execución das beirarrúas suporá a ampliación do ancho do viario e nas zonas verdes das novas beirarrúas prevese a plantación dun total de 11 magnolios con cepellón.


Ademais, baixo as novas beirarrúas da marxe esquerda prevese a canalización de rede de saneamento de fecais, e en ambas marxes contémplase a canalización para a recollida de augas pluviais cos correspondentes pozos e sumidoiros e a instalación de rede de iluminación pública.


Nesta rúa Sobreira, tamén se prevé o soterrado das redes de distribución eléctrica de baixa tensión e da telefonía, en ambas marxes da rúa. Así mesmo, debido á nova configuración da rúa, será preciso cambiar o emprazamento dos colectores de lixo existentes, que na actualidade se localizan nunha parcela de titularidade privada.  Completan a obra a sinalización horizontal e a adaptación de pozos e arquetas existentes á nova rasante.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A intervención na Gándara céntrase na execución de 42 metros lineais de beirarrúa de 1,80 metros de ancho, previa canalización da tubaxe de iluminación pública. Completan a obra a reposición do pavimento afectado  e a adaptación de pozos e arquetas existentes á nova rasante.


Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que asumirá o 70% do orzamento desta intervención; e o Concello de Boimorto, que achegará o 30% restante. As intervencións suporán un investimento global que rolda os 285.000 euros.

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page