A Xunta licita a mellora do firme en tres estradas ao seu paso por Arzúa, Touro, Boqueixón e Lousame
Ecos da Comarca/Comarca de Arzúa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou onte as obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro e que suporán un investimento de 1.006.100 euros. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publico este martes esta licitación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de xaneiro.

A Xunta prevé comezar as obras na primavera, co fin de telas rematadas no 2023, ao contar cun prazo de execución de seis meses. O obxectivo é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas AC-207, AC-308 e AC-960, que discorren polos concellos de Arzúa, Lousame, Boqueixón e Touro.
Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.
"A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras".