Prevé a creación de sete postos de traballo, contará no exterior con 3 dispensadores de combustible, 3 puntos de recarga eléctricos e subministro de auga e aire para vehículo
Laura Moure/Dozón
A Xunta licita a concesión dunha área de servizo na autovía AG-53, no tramo entre o Alto de Santo Domingo e a Autovía das Rías Baixas (A-52), cuxas obras suporán un investimento de máis de tres millóns de euros. O contrato licitado hoxe inclúe a execución das obras da citada área de servizo, que contan cun prazo de 12 meses, así como a xestión das instalacións durante un período de 35 anos. As empresas interesadas neste contrato contan ata o día 22 de febreiro para presentar as súas ofertas.

Segundo a intervención deseñada pola Xunta, trátase da creación dunha zona destinada á área de servizo, que se situará na marxe esquerda da autovía Dozón-Ourense, entre os puntos quilométricos 80+250 e 80+750. A dita área contará con acceso desde ambas as dúas marxes, para prestar servizo a ambos os dous sentidos de circulación.
Na actualidade están executados os carrís de aceleración e desaceleración da autoestrada, parte dos accesos, así como unha glorieta na marxe dereita e o paso superior que permite conectar a área coa marxe dereita. Ademais, a superficie destinada á área de servizo encóntrase sen arboredo nin vexetación na súa maior parte e conta con zonas nas que xa se levou a cabo certo grao de explanación.
Características
A futura área de servizo, que prevé a creación de sete postos de traballos (catro a tempo completo e outros tres con dedicacións parciais), estará constituída por unha edificación que contará no exterior con tres dispensadores de combustible, tres puntos de recarga de vehículos eléctricos de tipo carga rápida e un equipo de subministración de auga e aire para vehículos.
O edificio atenderá os servizos de abastecemento de combustible, restauración e tenda, incluíndo aseos, vestiarios para o persoal, almacén e oficina. Prevese a dotación de 30 prazas de aparcadoiro: 15 para vehículos lixeiros, tres para o aparcadoiro e repostaxe de vehículos eléctricos, unha praza reservada para as persoas con mobilidade reducida e 11 para camións e autobuses.
Tamén se disporá unha zona de xogo e esparexemento, cun parque infantil, anexa ao edificio. As actuacións completaranse co alumeado de vías, zonas de tráfico e áreas de estacionamento da área de servizo.
Comments