Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Xunta invita a Deza e Tabeirós a coñecer os distintos programas de axudas en materia de vivenda

Esta nova sesión dos encontros informativos Construíndo Fogar terá lugar hoxe, luns, ás 10:30 horas na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), na Estrada


Laura Moure/Deza

A Xunta de Galicia invita ao tecido social das comarca de Deza e Tabeirós-Terra de Montes a coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda ás que poden optar os cidadáns e os concellos. Esta nova sesión dos encontros informativos Construíndo Fogar terá lugar hoxe, luns, 4 de abril, ás 10:30 horas, na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), na Estrada (avenida da Cultura, s/n), e contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para informar dos detalles de máis dunha trintena de liñas distintas de incentivos e resolver as dúbidas dos asistentes.


Trátase do terceiro encontro que se celebra na provincia de Pontevedra e o quinto na Comunidade. Está aberto ao público en xeral e están convocados representantes dos concellos de Agolada, A Estrada, Dozón, Lalín, Forcarei, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Asemade, tamén se invitou a entidades, como os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas de Pontevedra; e a empresas do sector da vivenda e da rehabilitación edificatoria, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción. O obxectivo é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, así como dos trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria.


Así, o IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. A maioría están dirixidos aos particulares, pero tamén existen outros que son exclusivamente para os concellos. Ademais, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro. No encontro tamén se presentarán aqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da zona, como son as axudas á área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, xa que pasan o Camiño de Inverno e a Vía da Prata.


Nova oficina de rehabilitación

A Consellería de Medio Ambiente considera necesarios e fundamentais estes encontros, para dar a coñecer a existencia das liñas de subvencións dispoñibles; animar aos posibles beneficiarios a presentar unha solicitude, ofrecendo información de directa, práctica e útil, e sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.

Así mesmo, este encontro servirá para presentar a nova Oficina de rehabilitación de vivenda, posta en marcha recentemente pola Xunta e que está chamada a ser o novo punto informativo para asesorar e dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios os novos programas de axudas con fondos europeos en materia residencial. Esta oficina xa está en funcionamento e permanece aberta de luns a venres polas mañás, en horario de 9 a 14 horas. Os interesados teñen a opción de facer consultas por teléfono, a través do número 881 045 897, o mesmo ao que hai que chamar para pedir cita previa en caso de preferir atención presencial en Santiago de Compostela.

23 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE