A Xunta inviste 44.600 euros na mellora da seguridade viaria e da iluminación do polígono de Monterroso
- Laura Moure

- 14 oct 2025
- 2 min de lectura
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou que a modernización das infraestruturas contribúe á fixación de empresas e á creación de emprego
Laura Moure/Monterroso
A Xunta de Galicia investiu 44.600 euros na mellora da seguridade viaria e da iluminación do parque empresarial de Monterroso. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou onte o resultado dos traballos xunto ao alcalde, Eloy Pérez, e destacou que a modernización das infraestruturas contribúe á implantación e fixación de empresas e á creación de emprego.

A actuación máis recente consistiu no repintado da sinalización horizontal en 10 vías do polígono, que suman algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude. Con anterioridade, procedeuse á substitución das 47 luminarias do parque empresarial por outras con tecnoloxía LED, máis potentes e con maior rendemento. O proxecto contemplou tamén a instalación dun novo punto de luz sobre o edificio dotacional do polígono, co fin de mellorar o alumeado da zona de aparcamento.
O parque empresarial de Monterroso conta cunha superficie de 155.000 metros cadrados e 21 empresas con actividade instaladas. Arias incidiu na importancia de ofrecer solo industrial competitivo como elemento dinamizador da economía local.
Publicidade
Neste sentido, o delegado territorial lembrou que a Consellería de Economía e Industria duplicou este ano o orzamento inicialmente destinado a este programa de axudas, ata alcanzar os 5,6 millóns de euros, para responder ao elevado número de solicitudes rexistradas.
Os apoios permiten ofrecer máis e mellores servizos ás empresas, e están dirixidos a incrementar o aforro enerxético cunha iluminación máis eficiente, xestión de residuos e depuración da auga, accesos e estradas interiores, e servizos centralizados de subministración de gas ou hidróxeno.







Comentarios