A Xunta inviste 120.000 euros na mellora das infraestruturas viarias do polígono de Agolada
- Laura Moure
- 17 oct 2023
- 2 Min. de lectura
Esta liña de axudas destinada á mellora das infraestruturas dos parques empresariais
deixará mais de 640.000 euros na provincia de Pontevedra
Laura Moure/Agolada
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este luns as obras realizadas no Polígono Industrial Merlín de Agolada. Os traballos, que mellorarán as infraestruturas viarias do interior do polígono, son posibles grazas ás axudas da Xunta para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia. En concreto, esta actuación recibiu un apoio de preto de 120.000 euros.

Con estas axudas, que deixaron na provincia de Pontevedra máis de 640.000 euros, a
Xunta de Galicia busca actualizar estes espazos tan importantes para o desenvolvemento
empresarial da comunidade autónoma. Entre os parques beneficiados atópanse, o Parque
Empresarial de Uceira, no concello de Cañiza; o Polígono Industrial a Pedreira, en Meaño;
o Parque Empresarial de Racelo, no concello de A Lama; o Parque Empresarial de
Campaña, en Valga; o Parque Empresarial de Nantes, en Sanxenxo; o Polígono Industria
A Facha, en Campo Lameiro; o Polígono Industrial Sete Pías, en Cambados; o Polígono
Industrial do Camballón, en Vila de Cruces; e o Polígono de Chan da Ponte, en Salvaterra
do Miño.
Publicidade
Neste sentido, o delegado territorial destacou o “compromiso da Xunta cos empresarios
que deciden desenvolver os seus negocios en Galicia” e asegurou que “a administración
autonómica porá todo da súa parte para facilitar a súa labor, porque solo así podemos
continuar a ser unha comunidade competitiva e próspera”.
Publicidade
Está previsto que as obras no Polígono de Merlín terminen nas próximas semanas e que
permitan mellorar a seguridade viaria das centos de persoas que cada día se desprazan
ao polígono, ademais de aumentar a comodidade dos transportistas. Cabe destacar que
esta liña de axudas conta con máis de 2.4 millóns de euros concedidos en toda Galicia que reverterán directamente a favor do tecido empresarial galego.
Comentarios