A superficie ascende a máis de 461 hectáreas, pasado de máis de 6300 parcelas a menos de 1000 leiras, o que supuxo que a superficie media por predio multiplicásese por sete
Laura Moure/Touro
O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta mañá a entrega de títulos de propiedade da concentración parcelaria de Monte de Foxás e Santa María de Bendaña, no concello de Touro, dando así por finalizado este proceso de reorganización da terra que supuxo un investimento da Xunta de case dous millóns de euros. Así, e cumprindo todas as medidas sanitarias esixidas, o conselleiro xunto coa directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participaron na entrega destes títulos aos 440 veciños beneficiados desta reestruturación, que afectou unha superficie de algo máis de 461 hectáreas.

A entrega de títulos de propiedade esta mañá.
Con esta reorganización do territorio, pasouse de 6.302 parcelas a 940 leiras, o que permitiu multiplicar por sete a superficie media dos novos predios. Isto, engadiu José González, demostra que as parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade, desde o punto de vista da estrutura da propiedade, e reducir considerablemente os custos de produción das explotacións ao aumentar a súa base territorial.
Neste sentido, o titular de Medio Rural anunciou que nos próximos meses entregaranse preto de 6.000 títulos de propiedade doutras oito zonas parcelarias, beneficiando a máis de 2.400 veciños galegos. Así, sinalou que a día de hoxe están abertos un total de 96 procesos, pero que en 59 deles os veciños xa fan uso das novas parcelas. Ademais, “por cada concentración finalizada, iniciaremos unha nova”, manifestou o conselleiro á vez que asegurou que se seguirán impulsando estes procesos da man da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual iniciado xa pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).
12 millóns de euros
Deste xeito, José González avanzou que o seu departamento previu decretar dúas novas parcelarias nas próximas semanas e poñer a exposición pública, no Diario Oficial de Galicia, o estudo previo de iniciación doutros tres novos procesos. Para seguir traballando nestes procesos de reestruturación da terra, a Consellería do Medio Rural destina máis de 12 millóns de euros neste ano 2021, que se suman aos 118 millóns de euros que levan investido desde o ano 2009. Estas novas reestruturacións parcelarias iniciadas ao amparo da Metaga, trasladou o conselleiro, teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Así, ademais de seguir impulsando estes mecanismos, a futura Lei de recuperación apostará tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.
Comments