Dende o 2020, rematáronse 30 e decretáronse outras 29 que, xunto coas ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria, permitiron mobilizar 35.000 hectáreas nesta lexislatura
Laura Moure/Melide/Touro
A Consellería do Medio Rural vén de publicar na plataforma de contratación da Xunta de Galicia o anuncio de licitación da contratación de seis lotes de servizos técnicos en procesos de reestruturación parcelaria noutros tantos concellos da provincia da Coruña, cun importe global de case 2,5 millóns de euros. Os licitadores poderán presentar as súas ofertas ata as 14:00 horas do día 23 de xaneiro.
En concreto, estes contratos permitirán desenvolver traballos nas concentracións parcelarias de Baltar-Golán-Grobas (Melide), Castenda (Tordoia), Freixeiro (Santa Comba), Herbón (Padrón), Lamas-Loureda-Sergude-Vigo (Boqueixón) e Montes de Fao e Novefontes (Touro). O proxecto que se licita é a colaboración de servizos técnicos para a
realización do levantamento topográfico e a obtención dos planos parcelarios, a
preparación das bases e o plan de ordenación de predios de especial vocación agraria nestas zonas de reestruturación.
Publicidade
Estes seis lotes forman parte dun total de 13 que se veñen de publicar na plataforma de
contratación da Xunta cun orzamento global de case 4 millóns de euros, no que se inclúen
catro parcelarias da provincia de Lugo, dúas de Pontevedra e unha de Ourense.
Dependendo da zona, realizaranse múltiples operacións que forman parte das actuacións
previstas para a reestruturación da terra.
Poñer en valor a terra agraria
A Xunta segue a traballar para poñer en valor o territorio e, a través da Lei de recuperación
da terra agraria de Galicia e as reestruturacións parcelarias, mobilizáronse 35.000
hectáreas en toda a comunidade nesta lexislatura.
Publicidade
En canto ás concentracións parcelarias, dende o 2020 rematáronse un total de 30
procesos de reestruturación, abranguendo unha superficie de máis de 19.800 hectáreas e
beneficiaron a máis de 14.600 propietarios. Ademais, dende o ano 2021 decretáronse 29
novas parcelarias ao longo de toda Galicia, abarcando case 24.000 hectáreas de máis de
16.300 titulares.
No vindeiro ano, o goberno galego manterá o seu compromiso coas reestruturacións
parcelarias e destinaranse 24 millóns de euros para seguir avanzando nestes procesos,
que son fundamentais para organizar o territorio e poñelo en valor.
Publicidade
Ademais, este venres publicouse no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas
para a mellora de infraestruturas viarias vinculadas ás concentracións parcelarias, cun
orzamento de 6 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a
partir deste sábado.
Comments