Ecos da Comarca/Dozón
O Consello da Xunta aprobou este xoves a habilitación do crédito que permitirá investir 4,7 M€ para executar no vindeiro ano 2024 a renovación extraordinaria do firme da autovía autonómica Dozón-Ourense (AG-53). O acordo do Executivo autonómico autoriza a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, a adaptar o Plan económico financeiro vixente da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, para adiantar ao vindeiro ano estas obras no treito entre o enlace de Cea e a A-52, que estaban previstas inicialmente para o ano 2025.
Mediante esta adaptación do plan financeiro da SPI para 2023 axústase o investimento aos custos previstos para esta actuación, maiores ao inicialmente estimado, de acordo co tecnicamente necesario para acadar un resultado axeitado das obras e tendo en conta o incremento de custos da construción que se vén producindo nos últimos dous anos. Deste xeito, o departamento de Infraestruturas da Xunta achegará 2 M€ máis neste ano 2023 para garantir as intervencións proxectadas, que se sumarán ás cantidades xa provisionadas en anos anteriores para poder executar este investimento en 2024.
Publicidade
O obxectivo é executar as obras de reparación do pavimento existente e o estendido dunha nova capa de rodaxe sobre toda a superficie de calzada dun treito de 13 km entre o enlace de Cea, no quilómetro 74+200, e o final da autovía, no enlace coa estrada autonómica OU-402 e a A-52, no punto 87+200. As obras, que contarán cun prazo de execución máximo de 6 meses, executaranse neste treito da autovía, de dobre calzada con 2 carrís de 3,5 metros, beiravías exteriores de 2,5 metros e beiravías interiores de 1 metro. Os traballos comprenden intervencións nunha superficie aproximada de 273.000 m2, incluídos os ramais do enlace coa OU-402 e coa A-52, ademais duns 10.000 m2 en carrís adicionais. Na intervención tamén se revisará a adecuación das barreiras de seguridade á normativa vixente, tanto metálicas como de formigón, incluída a barreira existente na mediana, acometéndose as modificacións precisas para a súa adaptación.
Finalmente procederase ao repintado das marcas viarias e á reposición do balizamento afectado polas obras. Esta intervención está enmarcada nos traballos de mantemento das estradas autonómicas de titularidade da Xunta co fin de garantir a seguridade viaria aos usuarios e mellorar a mobilidade. Mantemento e conservación da AG-53. Esta obras completarán os traballos xa executados este mesmo ano de rehabilitación puntual do firme na AG-53, aos que se destinaron un investimento de 423.500 euros. A intervención forma parte da campaña de conservación da Xunta de reforzo localizado do firme e desenvolveuse en ambas as dúas calzadas da AG-53, desde Cea e ata a A-52 (quilómetro 74,2 a 87), que presentaban danos superficiais na capa de rodaxe existente.
Publicidade
Nesta mesma intervención tamén se incluíu unha actuación puntual de renovación do firme na calzada dereita do tramo Dozón-Cea, á altura do quilómetro 59,9. As actuacións consistiron no fresado e reparación da capa de rodaxe e, nalgúns casos, tamén se actuou na capa intermedia do pavimento existente. As actuacións abarcaron unha superficie aproximada de 12.000 m2, cun volume de pavimento retirado e reposto de aproximadamente 2.700 toneladas.
.
Comments