top of page

A Xunta informa da licitación da rehabilitación da casa reitoral de Dozón para acoller un novo albergue

A proposta ten un orzamento de 1, 4 M€


Laura Moure/Dozón

O Consello da Xunta foi informado onte do proxecto de rehabilitación a través do cal se reformará a casa reitoral de Dozón para acoller un novo albergue de peregrinos, que sumará un novo establecemento á Rede pública de albergues do Xacobeo cun total de 58 novas prazas. A proposta ten un orzamento de 1, 4 M€. A antiga casa reitoral da igrexa de San Salvador do Castro, situada no lugar do Castro (Dozón), constitúe un exemplo destacado da arquitectura tradicional galega e do patrimonio vinculado á vida parroquial.

Está situada nun tramo da Vía da Prata. A súa rehabilitación como albergue de peregrinos supón unha posta en valor tanto do edificio como da súa función histórica. A intervención arquitectónica prevé respectar os elementos orixinais —como os muros de pedra ou a escaleira— ao tempo que incorpora solucións contemporáneas. Así, consolidaranse os muros de pedra da edificación, realizarase unha nova cuberta e recuperaranse as vigas de madeira que se poidan aproveitar. Outro dos elementos que se conservará é a cociña de leña existente na planta alta, que se trasladará de lugar para maior aproveitamento do espazo. Para cubrir as necesidades programáticas e de número de camas, construirase un novo volume, integrado co orixinal e encostado aos restos dun muro de cantaría que conserva un arco de pedra.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A nova edificación integra este muro e mantén unha volumetría acorde co resto de edificacións. Ademais, a adaptación do edificio como albergue fai necesarios outros novos espazos, como lavapés, comedor, lavandaría ou espazos de vestiario, aseo e ducha con praza adaptada. Está previsto que se publique a licitación da obra na plataforma de contratos públicos de Galicia no mes de abril.


A actuación conta cun prazo de execución previsto de 12 meses, polo que se espera que estea rematada para a acollida de peregrinos no Ano Xacobeo 2027. Rede pública de albergues da Xunta Coa incorporación do albergue de Dozón, a Rede pública de albergues da Xunta contará en 2027 con 78 instalacións públicas de aloxamento de peregrinos. Creada pola Xunta en 1992, a Rede toma como modelo a propia infraestrutura de hospitais medievais que percorría as distintas rutas. Ata a data converteuse nun dos "motores" de promoción e servizo no Camiño.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

Actualmente, a rede está integrada por 77 albergues públicos. A vía que conta con maiores instalacións é o Camiño Francés, con 22 aloxamentos e un total de 1.513 prazas, seguida polo Camiño Mozárabe, con 15 albergues e 483 prazas. O albergue de Dozón formará parte da oferta deste tipo de aloxamentos desta última ruta.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page