Tamén se realizarán melloras de illamentos exteriores, reparación e substitución de elementos, e continuarase a realizar actuacións referidas á accesibilidade
Laura Moure/Palas de Rei
A Xunta de Galicia afondará durante este ano 2024 na mellora da eficiencia enerxética da rede pública de albergues do Camiño de Santiago cun investimento de máis de 1M€ dentro da planificación anual de Turismo de Galicia para o mantemento e conservación dos albergues públicos da rede. O Consello da Xunta informou este xoves das actividades previstas que suporán actuar este ano nun total de 34 albergues de sete itinerarios, entre eles varios das comarcas.
Será, en concreto, en cinco do Camiño de Fisterra-Muxía, 14 no Camiño Francés, tres no Camiño Inglés, dous no Camiño do Norte, catro no Camiño Portugués e Portugués da Costa, un no Camiño Primitivo e cinco na Vía da Prata. Entre as actuacións, está previsto levar a cabo traballos no exterior e no interior dos albergues, pintura e mellora de illamentos exteriores, corrixir humidades e reposición dalgúns alicatados, instalación de baños accesibles e, focalizarase de maneira especial en mellorar a eficiencia enerxética fundamentalmente coa instalación de paneis fotovoltaicos para reducir o consumo da enerxía, entre outras.
Publicidade
Por albergues, neste 2024 actuarase en cinco do Camiño de Fisterra-Muxía: o de Negreira: os de Olveiroa e O Conco, ambos en Dumbría e os de Fisterra e de Muxía. No Camiño Francés, a planificación inclúe actuar en 14: o do Cebreiro e Hospital da Condesa, ambos en Pedrafita do Cebreiro; o de Triacastela; a Casa Forte de Lusío, en Samos; o de Calvor, Sarria e Barbadelo, todos en Sarria; o de Ferreiros en Paradela; Airexe-Ligonde en Monterroso; o dos Chacotes e Mato Casanova en Palas de Rei; o de Melide; o de Santa Irene, no Pino e o do Monte do Gozo, en Santiago de Compostela.
Publicidade
Ao abeiro desta planificación actuarase tamén no albergue de Miño, na Casa da Pescadería (Betanzos), e no de Bruma (Mesía), os tres situados no Camiño Inglés. Haberá tamén actuacións en dous albergues do Camiño do Norte (o de Vilaba e o da Cabana, en Friol), así como en un do Camiño Primitivo (Seixas, en Palas de Rei).
Traballo continuado
No Camiño Portugués e Portugués da Costa prevense actuacións en catro albergues, en concreto, no de Tui, Vigo, Casa da Torre (Redondela) e O Faramello (Teo) e no que se refire á Vía da Prata a previsión é actuar nun total de cinco: Casa do Asistente (Verín), Vila de Rei (Trasmiras), Xinzo de Limia, Sandiás e Casa da Viúva (A Gudiña).
Publicidade
Esta planificación para a mellora da Rede Pública de Albergues enmárcase no traballo levado a cabo pola Xunta de Galicia para mellorar os servizos aos peregrinos e manter e conservar o patrimonio xacobeo. Dos máis de 26M€ que o Goberno autonómico leva investidos desde o ano 2015 en actuacións para aos albergues da rede (incluíndo a creación de novos albergues), máis de 10 destináronse ás obras de mellora da rede pública. A día de hoxe está composta por 76 albergues con ao redor de 4.000 prazas.
댓글