A actuación, que será na parroquia de Goiás, contará cunha axuda de case 74.000 euros por parte da Consellería de Medio Rural
Inés Santé, hoxe na reunión por videoconferencia, co alcalde de Lalín, José Crespo.
Laura Moure/Lalín
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co alcalde de Lalín, José Crespo, para abordar o proxecto singular Centro de Exposicións Rural, que levará a cabo neste concello cunha subvención de 73.757 euros por parte da Consellería do Medio Rural. En concreto, a iniciativa contempla a creación dun punto de encontro na parroquia rural de Goiás, adecuando unha sala de exposicións para mostrar a obra dos artistas e creadores da comarca do Deza, tanto a dos xa consagrados como a dos novos valores.
Así, podería darse a coñecer o traballo de pintores, escultores, músicos ou arquitectos, entre outros. Estes traballos de adecuación, que financiará a Axencia para culminar este Centro de Exposicións Rural, están proxectados para finalizarse neste ano 2021. Situando esta infraestrutura nunha das comarcas galegas con maior produción agrícola búscase que os veciños consigan identificarse cos seus artistas, acollendo a súa cultura como parte fundamental da súa identidade territorial. Esta iniciativa servirá ademais como elemento dinamizador da parroquia de Goiás, atraendo non só á poboación local senón tamén a persoas interesadas de fóra da comarca do Deza.
Proxectos singulares
Fai falta lembrar que os proxectos singulares impulsados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural perseguen mellorar os espazos do medio rural, así como o nivel de vida da súa poboación incrementando a oferta de lecer, deporte, cultura ou calquera outro servizo básico á súa disposición. Tamén buscan promover a vida en comunidade nos núcleos rurais e mellorar a estrutura do territorio mediante a valorización de distintas infraestruturas, así como potenciar e poñer en valor elementos da identidade colectiva que sirvan para o recoñecemento e vinculación dos veciños co lugar onde residen. Mediante estes convenios de colaboración asinados cos concellos galegos, non só búscase recuperar e poñer en valor elementos do patrimonio natural, cultural e etnográfico senón, ao tempo, xerar riqueza e emprego, elementos craves para fixar poboación no rural.
Comments