top of page
Perruquería Marisa.gif

A Xunta impulsa outra edición do Programa Integrado de Emprego da Asociación de empresarios de Deza

Este conta cun investimento de 250.000 euros e ten obxectivo mellorar a empregabilidade e as oportunidades laborais dun cento de persoas desempregadas da bisbarra


Laura Moure/Deza

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, impulsou unha nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación de Empresarios de Deza (AEDeza) cun investimento de 250.000 euros e que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e as oportunidades laborais dun cento de persoas desempregadas da bisbarra.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu esta mañá ao acto de presentación desta iniciativa laboral xunto ao presidente da patronal comarcal, David Campos, e o alcalde de Lalín, José Crespo, e animou aos participantes a “aproveitar esta gran oportunidade de formación que, ademais, ven avalada pola calidade da ensinanza e os bos resultados que sempre acada a AEDeza”.


Neste senso, anunciou que o obxectivo de inserción repite no 45%, xa conseguido o pasado ano ao rexistrarse un 68% de contratos que cumpriron cos parámetros requeridos, malia que ata 84 dos participantes na edición anterior acadaron algún tipo de emprego durante os doce meses de duración, que tamén é a mesma para a iniciativa presentada na xornada de hoxe.


“A patronal dezá é unha das máis importantes de Galicia e leva trinta anos cun funcionamento magnífico, un gran dinamismo e unha traxectoria a prol da industria, as pemes, o comercio, a hostalaría e, especialmente, o emprego e por iso a concesión dun PIE xa é un clásico por parte da Xunta, porque presenta proxectos tecnicamente moi valorados, conta cunhas magníficas instalacións, coñece perfectamente o mercado e as necesidades das empresas e ademais sempre cumpre cos ratios de inserción”, engadiu o representante autonómico.

Este novo Programa Integrado de Emprego, que conta coa participación de cinco empresas e a colaboración doutras 22 para favorecer as condicións formativas, manterá a mesma dinámica e formato de anos anteriores e centrará a mellora da empregabilidade na realización de itinerarios curriculares, cursos de formación diversos, accións de potenciación das habilidades profesionais e outras medidas laborais.


“Dende a Xunta de Galicia estamos a despregar unha intensa actividade en torno ao emprego e a formación, xa que é un dos eixos principais da nosa acción de goberno, e actuamos con especial intensidade nesta importante contorna do interior da provincia, que supera claramente os 60.000 habitantes. Por iso, e con este novo Programa Integrado de Emprego, xa estamos a formar a máis de 500 persoas desempregadas das bisbarras de Deza e Tabeirós cun investimento de máis de 3 millóns de euros, xa que tamén están en marcha, dende hai algunhas semanas, dous obradoiros de emprego e máis de vinte cursos AFD de Formación para Desempregados”, concluíu o representante autonómico.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page