Turismo de Galicia inaugurará unha exposición impulsada pola Fundación Paco Lareo, o 2 de setembro en Lalín e posteriormente procederá á súa apertura en Rodeiro e Silleda
Laura Moure/Deza
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vai impulsar o vindeiro mes ata cinco actividades promocionais, divulgativas e culturais sobre o Camiño de Santiago na comarca de Deza a través do programa O Teu Xacobeo co obxectivo de seguir estendendo o dobre Ano Santo por todo o territorio da comunidade. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta programación na estrea da nova edición de O Teu Xacobeo na comarca coa iniciativa SaborEarte, que se desenvolveu este venres na Praza do Parque de Rodeiro cunha gran asistencia de público.
Esta actividade, que tamén contou coa presenza do alcalde, Rubén Quintá, e doutros representantes municipais, orientouse á promoción dos aspectos gastronómicos do Camiño de Santiago cun showcooking aberto a toda a cidadanía por parte do chef Miguel
Mosteiro. Ademais, na mesma tamén participou o fotógrafo Adolfo Enríquez.
A continuación, está previsto que O Teu Xacobeo tome o testemuño na bisbarra o vindeiro 2 de setembro coa inauguración da exposición Quentiños da Forxa no Museo Municipal
Ramón Aller de Lalín. Esta mostra, impulsada pola Fundación Paco Lareo e formada por trinta pinturas e esculturas, permanecerá na capital dezá ata o 16 de setembro e posteriormente trasladarase a Rodeiro entre os días 19 e 27 dese mes e a Silleda, xa entre
o 14 e o 25 de outubro.
Finalmente, o programa pechará a súa actividade máis inminente na comarca con O
Camiño dos Sentidos e dos Saberes, que terá lugar o 4 de setembro en Río.
Trátase dunha iniciativa organizada pola Asociación Amigos do Museo da Casa do Patrón e consistente nun espectáculo ecléctico con obradoiros, exposicións e actuacións musicais.
Comments