Arrinca coa realización dun cuestionario que serve como base na próxima implementación de accións conxuntas de mellora e sensibilización
Ecos da Comarca/Lalín
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa a elaboración dun estudo sobre o uso do galego no tecido empresarial da Comarca de Deza, da man da Asociación de Empresarios de Deza . “Trátase do primeiro informe que incide no valor socioeconómico e empresarial da lingua galega”, en palabras do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e faise “no contexto dos últimos datos sociolingüísticos publicados polo Instituto Galego de Estatística”, así como “nos primeiros pasos da implementación da campaña Saca a lingua que levas dentro anunciada hai unhas semanas”.

O representante da Xunta agradeceu a colaboración e disposición da asociación lalinense e explicou que “a súa elección neste estudo piloto débese a que se trata dunha asociación moi activa, tanto polo número de membros como pola diversidade dos sectores que aborda”, polo tanto “moi representativa do tecido empresarial galego”.
Así, dixo, “o ámbito socioeconómico e empresarial é decisivo e fundamental na promoción social do uso da lingua”. Neste senso, lembrou que se trata “dun compromiso da Xunta expresado xa no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020”.
Publicidade
Presentaron este venres a proposta que arrinca coa realización dun cuestionario de 30 preguntas que servirán como base na próxima implementación de accións conxuntas de mellora e sensibilización no uso do galego. O formulario permitirá coñecer o uso da lingua na súa actividade empresarial e cales son os recursos e ferramentas lingüísticas que coñecen.
Comments