top of page

A Xunta garante a atención pediátrica en Lalín cubrindo con intersubstitucións e prolongacións de xornada

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

O director xeral de Asistencia Sanitaria remarca que os máis de 2.200 nenos "deste municipio teñen a atención urxente garantida e unha cita a demanda cun pediatra en menos de dous días"


Ecos da Comarca/Lalín

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, remarcou onte, na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, que a atención pediátrica no concello de Lalín está garantida, cubrindo con intersubstitucións e prolongacións de xornada. Tal e como incidiu o director xeral, a poboación de 2.234 nenos e nenas deste concello teñen a atención urxente garantida e poden pedir unha cita a demanda cun pediatra en menos de dous días.


Explicou que no Centro Integral de Saúde de Lalín hai tres prazas de pediatría, unha das cales se atopa vacante por unha incapacidade temporal e outra quedou vacante tras o recente concurso de traslados. Para suplir a falta de pediatras nas listas de contratación, o que fixo o Servizo Galego de Saúde foi unha reordenación asistencial para dar cobertura a estas dúas prazas, a través de intersubstitucións e prolongacións da xornada polo pediatra de Lalín e outros da comarca.


Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Alfredo Silva puxo en valor o traballo que está a realizar a Xunta para solucionar a falta de pediatras, que é un situación que afecta a toda España. Ao respecto, incidiu en que o Goberno galego leva sete anos ofertando o máximo número de prazas permitidas en formación sanitaria especializada en pediatría e dedica máis recursos á formación de especialistas que nunca, preto de 85 millóns de euros, o que supón un 7,2 % máis que no pasado ano.

Xunto ao anterior, lembrou que Galicia é unha das poucas comunidades onde a atención pediátrica nos centros de saúde é realizada de xeito específico por especialistas en pediatría, situándose case no 90 %, mentres noutras comunidades autónomas esta porcentaxe chega ata o 50 %. O 10 % restante da atención é realizada por médicos de familia, cunha sólida formación en pediatría.


Alfredo Silva incidiu en que a comunidade galega ten unha ratio media de 918 menores por cota de pediatría, moi por baixo da media do Sistema Nacional de Saúde, de 980 nenos por profesional. Lembrou, ademais, que na actualidade o Servizo Galego de Saúde conta con máis pediatras que cando gobernaba o Bipartito, aínda que agora hai 30.000 nenos menos.


Postos de difícil cobertura

O director xeral subliñou no Pazo do Hórreo que a Xunta quere incrementar o número de pediatras que ten en atención primaria. Con tal propósito, ademais do incremento de prazas MIR, a Xunta puxo en marcha unha modalidade de cobertura por concurso en postos considerados de difícil cobertura. Esta medida permitiu que o Servizo Galego de Saúde cubrise 48 prazas, o que supón preto de 50 profesionais que ocupan prazas que antes estaban baleiras.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Alfredo Silva censurou que a lei que habilitou á Xunta a sacar prazas por concurso de méritos para facelas máis atractivas e conseguir a súa cobertura non contase, no seu momento, co apoio da oposición, o que demostra a súa falta de interese en atopar solucións a un problema que é xeneralizado en todo o Estado.


O director xeral de Asistencia Sanitaria rematou a súa intervención trasladando unha mensaxe de tranquilidade ás nais e pais de Lalín, xa que a atención pediátrica no municipio está garantida en todo momento.


NOTICIA RELACIONADA:

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page