top of page
Foto del escritorecosdacomarca

A Xunta formaliza o contrato para facer a obra do Centro Integral de Saúde de Lalín por 8,7 millóns

A actuación arrancará na segunda quincena de maio e prevese a súa finalización antes de que remate o ano 2022


Laura Moure/Lalín

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de formalizar o contrato para a execución das obras de construción do Centro Integral de Saúde de Lalín por un importe de máis de 8,7 millóns de euros. Os traballos, cun prazo de execución de 18 meses, e adxudicados á empresa Construcciones Ramírez S.L.U., comezarán na segunda quincena de maio.


As obras axilizaranse de forma que o novo equipamento estea ao servizo dos veciños de Lalín e da comarca do Deza antes de que remate 2022. Os traballos consistirán na construción dunhas instalacións que reforzarán a atención aos veciños de Lalín, Rodeiro, Dozón e Agolada, ademais de prestar determinadas asistencias aos concellos de Silleda e Vila de Cruces, servindo a unha poboación de 35.000 persoas.


Construirase un edificio de máis de 5.700 metros cadrados, cunha superficie útil de máis de 4.900 metros cadrados, que se distribuirán en catro andares, dos cales tres se dedicarán ao centro de saúde e un ao Punto de Atención Continuada (PAC). O novo equipamento sanitario disporá de área asistencial, con 11 consultas de medicina, 11 de enfermería, unha consulta de farmacia, dúas consultas de odontoloxía, sala de técnicas, mostras e varias polivalentes; tamén área de especialidades, con catro consultas, dúas de enfermería e tres gabinetes de exploración; área pediátrica, con tres consultas, dúas de enfermería e unha sala de atención integral; ademais de área de hospitalización a domicilio, atención á muller, rehabilitación, telemedicina, diagnóstico por imaxe ou hemodiálise; e o punto de atención continuada (PAC), que disporá de tres consultas, sala de críticos, sala de observación e cinco dormitorios.


A posta en marcha do Centro Integral de Saúde de Lalín permitirá ampliar o programa de cirurxía menor ambulatoria, activar o servizo de rehabilitación cardíaca, de solo pélvico e de enfermidades músculo-esqueléticas. As instalacións disporán dunha área de servizo de transporte sanitario con soporte vital básico, espazos comúns, de persoal, administración e arquivo.


O edificio contará cun deseño funcional, pero tamén esteticamente coidado e integrado na contorna, que segue un esquema sinxelo, con dous patios interiores a modo de claustro nos que se envorcan as zonas de espera e de circulación.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

댓글


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page