Ecos da Comarca/Xeral
Un total de 40 persoas entre técnicos e axentes facultativos medioambientais asistiron hoxe na Estrada á primeira edición da xornada teórico-práctica sobre a metodoloxía de seguimento de lobos mediante dispositivos GPS, organizada pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Durante a inauguración do curso, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, enmarcou a iniciativa no Plan de xestión do lobo en Galicia, en vigor desde o ano 2009 e no que se prevé a realización de programas de seguimento periódicos da especie para poder obter datos clave sobre a súa distribución e aspectos poboacionais e, na medida do posible, taxas de natalidade e mortalidade e tamaño de grupo, entre outros.
Publicidade
Neste sentido, do Campo lembrou tamén que o estudo da poboación do lobo ibérico en Galicia 2014-2020 recolle diferentes propostas metodolóxicas para o seu seguimento na Comunidade, entre elas, a marcaxe de exemplares con colares con GPS. Por ese motivo, o seu departamento decidiu ofrecer ao persoal técnico así como aos axentes medioambientais a posibilidade de formarse neste eido co fin de que poidan participar e implicarse en futuros programas relacionados co lobo. De feito, puxo en valor a colaboración dos axentes ambientais no traballo de campo que permitiu levar a cabo o censo desta especie en Galicia entre 2021 e 2022.
Publicidade
A xornada desenvólvese na Academia galega de seguridade pública (Agasp) da Estrada e está impartida por persoal cunha ampla experiencia na aplicación destas metodoloxías, cunha primeira parte de contidos teóricos e unha segunda sesión práctica prevista para esta mesma tarde. Cómpre lembrar que antes do verán xa se celebrou unha xornada formativa dirixida aos axentes ambientais no que atinxe á xestión do lobo, centrada naquela ocasión no seguimento e avaliación de danos e no protocolo de retirada de cadáveres.
Comments