top of page

A Xunta financiará a construción, mellora ou ampliación dunha vintena de equipamentos sociais municipais destinados á atención aos maiores

Entre estes figuran instalacións de Boimorto, Sobrado, Toques e Dozón


Laura Moure/Xeral

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou este xoves que a Xunta vai financiar a construción, mellora e ampliación de 24 centros de atención aos maiores (residencias, centros de día, vivendas comunitarias, centros sociais...) entre eles algúns das comarcas ao abeiro do Plan de investimentos para equipamentos sociais polo que o Goberno galego pon á disposición dos concellos 18,5 millóns de euros para que reforcen a rede de atención ás persoas maiores.


Do centenar de propostas presentadas polos concellos a este plan resultaron finalmente seleccionadas 24, o que, tal e como explicou Rueda, “suporá a construción de doce novas residencias; reformar ou ampliar outras seis; impulsar catro novos centros de día; poñer en marcha un novo centro social e crear un centro integral de atención aos maiores con servizos de centro de día e residencia”. Ademais, con estas actuacións está previsto que “se creen 500 novas prazas públicas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna”.

Unha vez escollidos os proxectos, o seguinte paso será a sinatura de convenios de colaboración plurianuais con cada concello, para desenvolver as actuacións entre este exercicio e o próximo. A previsión é que estes acordos se asinen no primeiro semestre deste ano.


Acordo coa Fegamp

Este plan de investimentos, do que o Consello coñeceu onte a resolución, comezou hai dous anos coa sinatura dun acordo marco coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e tras o que se abriu un prazo para que os concellos presentasen as súas propostas. Unha comisión de traballo formada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Fegamp encargouse de avalialas e decidir as seleccionadas.

Nesta selección deuse prioridade aos proxectos dos concellos de menos de 20.000 habitantes, tendo máis puntuación aqueles con menor poboación; dos que non tiveran recursos semellantes aos que queren construír e a aqueles cunha maior viabilidade técnica e económica.


Os importes máximos que se van financiar varía en función dos proxectos. Así, no caso de iniciativas para construír novas infraestruturas as contías son de ata 1,2 millóns de euros para residencias; 600.000 euros para un centro de día ou vivenda comunitaria e 400.000 euros para centros sociais.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa figuran:

  • Reforma e ampliación da residencia municipal de Boimorto cuxo importe financiado polo plan é de 500.0000 euros.

  • Construción do centro de día de Sobrado dos Monxes cuxo importe financiado polo plan é 348.572,37 euros.

  • Construción do centro de día de Toques cuxo importe financiado polo plan é 283.324,87 euros.

  • Construción de residencia e centro de día de Dozón cuxo importe financiado polo plan é 1.500.000 euros.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page