O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) está a distribuír material informativo para as persoas traballadoras do sector forestal e para a poboación en xeral
Ecos da Comarca/Xeral
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, está a distribuír material informativo para asesorar o persoal traballador das actividades forestais e a poboación en xeral sobre as medidas preventivas que se deben adoptar ante as vespas velutinas. Así, o grupo de traballo técnico deste sector elaborou un documento cunha serie de medidas que se deben ter en conta na planificación dos traballos forestais.
En concreto, o documento inclúe indicacións preventivas que se deben adoptar antes do inicio dos traballos, recomendacións en caso de atopar un niño de velutina e pautas de actuación no caso dun ataque por parte destes insectos.
Entre as recomendacións iniciais, o Issga insta a realizar un recoñecemento exhaustivo da parcela onde se vai traballar (árbores, muros, chan, etc.) comprobando se existen niños na zona. En caso de ver algún, cómpre non achegarse a menos de cinco metros dese niño, non cortar polo pé unha árbore nin rozar silveiras ou matogueira onde poida haber un niño e avisar a compañeiros de traballo da presenza dese niño, así como sinalizar a zona.
No caso dun ataque de vespa velutina, débese fuxir o máis rápido posible e buscar un refuxio, ademais de evitar que o ataque se produza nas áreas máis sensibles da cara, como pode ser a zona dos ollos. Así mesmo, o documento informativo sinala que non se deben intentar eliminar as velutinas nin axitar os brazos para tornalas e que, no caso de ver que algunha persoa é atacada por velutinas, non cómpre achegarse para axudala, senón chamar ao número de teléfono de emerxencias 112.
O persoal técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia engade como importante lembrar que as persoas alérxicas deben levar sempre consigo a medicación necesaria para administrarse en caso de picaduras.
Publicidade
Estratexia 2024
Esta acción informativa lánzase ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, en execución para fomentar un mercado de traballo respectuoso, diverso e seguro. O documento avoga por situar como valores fundamentais a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e o benestar laboral, que sitúe no centro ás persoas.
A estratexia dá resposta a un contexto laboral en permanente transformación, perseguindo facer fronte aos riscos derivados das novas formas de traballo. Adapta a xestión preventiva ao uso das novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, a Internet das cousas, os robots colaborativos ou ás plataformas dixitais de traballo.
Así mesmo, avánzase na prevención para reducir a sinistralidade en sectores con maior incidencia ou singulares, como pode ser o forestal, o da pesca, o da construción, o naval ou o dos coidados.
Ligazón á campaña:
Comments