top of page
Perruquería Marisa.gif

A Xunta facilita a visita ao público e dota de material multimedia o campamento romano de Ciadella

Neste último ano realizáronse tres proxectos de estudo con xeorradar, restitución de estruturas e mellora do percorrido guiado con códigos QR e vídeos informativos


Laura Moure/Sobrado dos Monxes

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola directora de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, visitou hoxe o campamento romano de Ciadella de Sobrado dos Monxes para comprobar o resultado das últimas actuacións arqueolóxicas. Realizáronse distintos proxectos para facilitar a súa comprensión e a visita do público, entre as que destacan a instalación de paneis divulgativos con acceso a información audiovisual e se está a traballar en habilitar un pequeno espazo como centro de visitantes.

O responsable de Cultura da Xunta sinalou o valor destes traballos por dar un paso máis na conservación e permitir “a divulgación do noso patrimonio arqueolóxico e facilitar o coñecemento por parte dos galegos”, indicou. Referiuse, ademais, á importancia histórica deste xacemento “con gran repercusión na historiografía e na investigación arqueolóxica non só en Galicia senón tamén fóra dela”, xa que se trata, xunto ao Aquis Querquennis de Bande, en Ourense, dun dos dous fortes militares estables da época romana que se conservan actualmente na nosa Comunidade.

Durante este ano a Xunta leva realizadas varias actuacións no campamento. As máis recentes consistiron nunha prospección xeofísica para ampliar o coñecemento científico sobre os restos atopados e tamén se instalaron distintos paneis informativos que permiten o acceso vía código QR a material audiovisual para coñecer a historia do campamento. Ademais, trabállase en habilitar un pequeno espazo que funcionará como centro de visitantes con información sobre os restos atopados.

Do mesmo xeito, nestes últimos meses se restituíron as bases de granito do patio porticado do campamento para facilitar a súa comprensión. Realizáronse despois da última campaña arqueolóxica rematada en xullo, cando se constatou que o patio interior do cuartel xeral do campamento militar (os principia) estaría porticado en tres dos seus lados e cun tellado sustentado por 16 columnas.

Destes elementos de sustentación só se conserva unha das súas bases de granito. A vista destes feitos, con esta actuación reactiváronse as bases de granito desaparecidas para así facilitar a comprensión dos restos arqueolóxicos e darlle unha maior monumentalidade ao cuartel xeral do campamento de Ciadella.


Campañas arqueolóxicas

Como explicou Román Rodríguez, en total, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades investiu 50.291€ nestas actuacións no marco do programa FEDER Galicia 2014-2020. Súmanse ao realizado nos últimos anos xa que a Xunta ten promovido distintas campañas arqueolóxicas e de acondicionamento no campamento que permitiron, entre outros aspectos, a escavación e consolidación da muralla, peche do xacemento, consolidación das estruturas arqueolóxicas. A última, rematada o pasado mes de xullo, fixo posible poñer en valor o cuartel xeral (principia) e a vía principalis do campamento romano.


A nivel de protección patrimonial, este sitio arqueolóxico ten a condición de ben catalogado do Patrimonio Cultural de Galicia e atópase a pouco máis dun quilómetro do Camiño Norte de Santiago. Sitúase no lugar da Igrexa, parroquia de Santa María de Ciadella e é un forte militar de época romana, de planta rectangular e esquinas redondeadas, cunhas dimensións aproximadas de 178 metros por 148 metros, e cunha extensión de 2,63 hectáreas, delimitado por unha muralla e un foso no seu perímetro.

O seu interior aparece planificado cunha trama ortogonal pola que se distribuían as diferentes edificacións militares feitas en pedra (barracóns, cuartel xeral, celeiros...) das que se escavaron fundamentalmente as situadas no sector central do campamento.

104 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page