top of page

A Xunta exixe ao Goberno central máis certezas sobre contaminación por nitratos antes de declarar zonas vulnerables

Mantivo reunións con responsables municipais e representantes do sector agrogandeiro para explicarlles a súa postura e o plan de acción da Xunta diante desta situación


Ecos da Comarca/Xeral

Augas de Galicia remitiu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un escrito no que solicita que se realicen estudos complementarios e correccións nos que está a elaborar o Goberno central antes de declarar zonas vulnerables á contaminación por nitratos. Moi especialmente esíxese máis claridade á hora de delimitar se a orixe deses nitratos está realmente na gandería e agricultura pois o Real Decreto 47/2022 sobre a protección das augas contra a contaminación difusa por nitratos e a directiva de nitratos de orixe agraria unicamente se refiren a eses casos.


Como base para a delimitación destas zonas, o Goberno de España presentou un estudo para caracterizar as fontes de contaminación por nitratos que se elaborou con información dos períodos 2016-2019 e 2020-2023 e que non conclúe con claridade ata que punto esa situación está provocada polas actividades agrogandeiras. O que solicita Augas de Galicia é que o Goberno central, en coordinación coas comunidades autónomas, actualice este estudo, unha obriga que -de acordo co que establece ese real decreto- debe facerse cada catro anos.

Cómpre lembrar que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea emitiu o 14 de marzo de 2024 unha sentenza que absolveu a Galicia de declarar zonas vulnerables e que fixaba a obriga de acreditar que os compostos nitroxenados de orixe agrogandeira contribúen de xeito significativo á contaminación por nitratos detectada nos puntos onde se mediu. No seu escrito, Augas de Galicia ofrece once exemplos de zonas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa que se definían como contaminadas no estudo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, pero nos que non existen certezas de que a orixe desta contaminación non proceda doutras fontes como poden ser os núcleos urbanos ou polígonos industriais próximos.


Rolda de contactos co sector

Deste xeito, e con argumentos científicos, a Xunta canaliza as inquedanzas expresadas polo sector agrogandeiro galego durante a rolda de contactos que se mantivo para analizar as posibles vías de mellora tanto da sostibilidade ambiental da agricultura e a gandería como da situación ecolóxica dos acuíferos. Así, en cumprimento do establecido nesta norma estatal, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural mantivo nas últimas semanas diferentes encontros con alcaldes e outros representantes municipais, asociacións profesionais agrarias, cooperativas, entidades sectoriais, distribución e industrias agroalimentarias para explicar o seu contido e alcance.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Nestas xuntanzas trasladouse que, por parte da Xunta, non se comparten os criterios do Goberno central, pero que, en todo caso, se traballa para dar cumprimento á lexislación vixente. Así, e no caso das posibles declaracións de zonas vulnerables, incídese en que se vai seguir permitindo usar os xurros como fertilizante cos límites contemplados na normativa e que nesas posibles zonas se porá en marcha un plan de acción para implantar unha estratexia de economía circular baseada na sostibilidade e a innovación.


Os obxectivos de futuro pasan pola implementación de prácticas máis responsables, a protección do medio ambiente e a xestión eficiente dos residuos, co fin de consolidar Galicia como referente neste eido e sen perda da competitividade. Por iso, entre outras medidas, crearase unha certificación de gandaría galega sustentable para valorizar as producións do agro, tal como establece a Lei da calidade alimentaria de Galicia.




Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page