A actuación contará cun investimento de máis de 310.000 euros e ten como finalidade facilitar a mobilidade peonil
Laura Moure/Sobrado dos Monxes
A Xunta iniciará en marzo a execución dunha pasarela voada na estrada AC-934, sobre a presa da lagoa de Sobrado dos Monxes, no Camiño do Norte, para facilitar a mobilidade peonil nesa zona.
O proxecto inclúe a construción dunha pasarela nun treito de 155 metros, para o que xa se acometeron os sondeos, ademais da execución dun tramo de senda. Os traballos suporán un investimento autonómico de máis de 310.000 euros.
Esta intervención ten como obxectivo resolver a mobilidade a pé nese punto, xa que os peóns non dispoñen de espazo axeitado para desprazarse, tendo que empregar a propia vía, que non dispón de beiravías. A actuación foi acordada coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza e coa Sociedade Galega de Historia Natural, ao estar na zona da lagoa. Así, a pasarela executarase polo lado oposto á lagoa.
Habilitarase unha pasarela con estrutura prefabricada de formigón, ancorada á estrada a través dos ocos que hai entre os peitorís de pedra da vía. O pavimento da senda e a varanda serán de plástico reciclado, que se considera neste caso máis axeitado que a madeira por tratarse dun lugar con moita humidade.
Cómpre lembrar que a Xunta vén actuando nos últimos anos nas estradas autonómicas ao paso por Sobrado, no marco das actuacións para reforzar a seguridade viaria nos treitos coincidentes co Camiño do Norte. Así, executouse unha senda na estrada AC-934, entre os puntos quilométricos 26+350 e 26+600; outra entre os puntos 19+120 e 20+63; e outra entre os quilómetros 14+065 e 15+615, sumando un investimento de máis de 470.000 euros.
A Xunta tamén levou a cabo no ano 2020 as obras de acondicionamento da AC-934 entre os puntos 12+900 e 17+300, cun investimento autonómico de 1,4 M€.
Comentários