A Xunta entrega material de prevención de incendios á Asociación Feiral Semana Verde de Silleda
Trátase de rozadoiras, motoserra, discos e cadeas, kit de equipo de protección individual, así como chaquetas e pantalóns, para a loita contra os lumes
Laura Moure/Silleda
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, fixo este luns entrega de diverso material de prevención de incendios aos integrantes da Asociación Feiral Semana Verde de Galicia, ubicada no concello de Silleda. Esta cesión enmárcase no Plan preventivo 2021 implementado pola Consellería e no convenio de protección das aldeas asinado pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga. En concreto, distribuíronse a este colectivo tres rozadoiras, unha motoserra con discos e cadeas, un kit de equipo de protección individual, así como tres chaquetas e pantalóns para realizar traballos de prevención de incendios forestais.

O director xeral reiterou neste acto que a loita contra os incendios forestais é unha tarefa de todos, que atinxe tanto ás administracións públicas como aos cidadáns en xeral. Nesta liña, trasladou que se trata de protexer as persoas e os bens e que, por iso, a Xunta quere fomentar a participación cidadá, con accións como esta entrega de material, que supón un investimento, por parte da Consellería, de preto de 5.000 euros.
Así, trátase -segundo explicou Rodríguez- dunha iniciativa experimental e pioneira, que o Goberno galego quere ampliar ao resto de concellos da comunidade e que xa puxo en marcha o pasado mes de abril no municipio ourensán de Lobios. Así, para esta finalidade a Xunta dispón de 150.000 euros, uns fondos que fan posible a realización de accións formativas dirixidas á poboación en ámbitos como a vixilancia, a prevención ou a auto protección fronte o lume. Ademais, a cesión deste tipo de material permite que os veciños actúen con labores preventivos nas faixas secundarias -as máis próximas ás vivendas-, posto que a defensa do patrimonio forestal é obriga de todos.