top of page
Perruquería Marisa.gif

A Xunta ensaiará a reapertura do ocio nocturno para cando sexa posible, cun 50% de ocupación

E terase que levar a cabo controis de acceso e rexistro de clientes/Fará unha proba piloto o 12 de xuño en dúas discotecas e catro pubs


Laura Moure/Xeral

A Xunta realizará unha proba piloto como ensaio previo á reapertura do ocio nocturno cando se dean as circunstancias. Farase o 12 de xuño en dúas discotecas e catro pubs de concellos con niveis de restricións medio-baixos; é dicir, en nivel D. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acordaron este venres con representantes do sector o protocolo de pilotaxe de reactivación do lecer nocturno.


Ademais das indicacións para a proba piloto, o documento inclúe medidas sanitarias e unha recomendación de boas prácticas que se deberá ter en conta para unha desescalada do sector que será gradual, dinámica e reversible en función da evolución dos contaxios.


Serán seis os locais nos que o 12 de xuño se fagan as probas. Segundo se acordou cos representantes do sector, o plan piloto activarase en dúas discotecas (unha con superficie superior a 1.500 m2 e outra inferior) e en catro pubs (un en cada provincia). Para entrar nas discotecas será necesario facelo con invitación previa e cunha PCR negativa. En todos eles o uso da máscara será obrigatoria.


Medidas

A ocupación dos locais non poderá superar o 50% da súa capacidade no interior e o 75% en terrazas e espazos ao aire libre. Deberá garantirse a separación mínima de 1,5 metros entre mesas, así como as distancias interpersoais. Os establecementos que participen na proba deberán pechar as portas á unha da mañá. Os responsables dos locais deberán declarar e exhibir a ocupación máxima, así como levar un control e un rexistro dos clientes que terán que gardar durante tres meses para poder ser localizados en caso de gromos. Tamén deberán garantir a correcta ventilación empregando aparellos medidores de CO2.


A pilotaxe permitirá obter datos en varios establecementos e o seu estudo facilitará mellorar as medidas para a reactivación do ocio nocturno cando se dean as circunstancias, xa que a finalidade última do plan é protexer a traballadores e clientes reducindo as posibilidades de contaxios.


O acordo afecta a discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas e salas de concertos, e encádrase dentro dos habituais encontros entre a Administración galega e o sector para reducir o impacto da crise sanitaria nos seus negocios. Nese contexto, a Xunta vén de habilitar unha partida de catro millóns de euros que destinará integramente ao ocio nocturno en compensación polos meses nos que tivo que permanecer pechado polas restricións.

66 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page