top of page

A Xunta e o Concello estudan propoñer Bustelos, na parroquia de Vilatuxe, como aldea modelo

Os orzamentos de Medio Rural para 2022 recollen preto de 900.000 euros para mellorar infraestruturas en Lalín relacionadas coa loita contra os incendios forestais


Laura Moure/Lalín

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Lalín, José Crespo, na que acordaron estudar a posibilidade de propoñer o lugar de Bustelos, na parroquia de Vilatuxe, como aldea modelo e así poñer de exemplo de prevención e de desenvolvemento económico a este núcleo.

Así, o conselleiro puxo en valor esta figura que recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e insistiu na importancia de defender as persoas e os bens dos incendios forestais mediante diversas actuacións enfocadas á posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa máis próxima ás vivendas.


Neste senso, o titular de Medio Rural comprometeuse a estudar esta petición e ver as posibilidades que ten o lugar para converterse nunha aldea modelo. Así mesmo, agradeceulle ao rexedor a súa disposición para traballar todos xuntos na protección do rural e incidiu en que, a través desta figura, ademais de executar a limpeza das chamadas franxas secundarias é determinante poñelas a producir para que actúen como devasa natural fronte aos lumes forestais. Así mesmo, trasladoulle que técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural desprazaranse ao seu concello para analizar as opcións que ofrece este núcleo de Bustelos.


Noutra orde de cousas, o conselleiro trasladoulle ao rexedor municipal que nos orzamentos da Consellería para 2022 recóllense preto de 900.000 euros para a reforma dunha nave nun taller mecanizado para vehículos -todoterreos e motobombas- da Dirección Xeral de Defensa do Monte e para a construción dun almacén loxístico para material deste departamento. Así mesmo, nos terreos onde se localiza dita nave, sita no polígono de Botos, vaise tamén habilitar un punto de encontro para as brigadas do Distrito Forestal XVI Deza-Tabeirós.

0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page