top of page

A Xunta e o Concello estudan a humanización das rúas Forcarei e Dos Mollados no Pino

A actuación contará cun investimento próximo ao medio millón de euros

Laura Moure/O Pino

A Xunta de Galicia e o Concello do Pino estudan a humanización das rúas Forcarei e Dos Mollaos, no núcleo urbano do Pedrouzo, segundo dixo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, logo de reunirse co alcalde Manuel Taboada.

Na reunión, celebrada onte na sede da Consellería, Ángeles Vázquez, coñeceu o proxecto municipal que prevé a mellora das beirarrúas e dos carrís, ademais da dotación de zonas de aparcamento e a reposición da rede de saneamento. A maiores, tamén propón o soterrado das liñas de electricidade e telecomunicacións así como o repintado da sinalización horizontal e a instalación das sinais verticais necesarias. Dado que a rúa Dos Mollaos presenta un elevado tránsito de peregrinos do Camiño de Santiago, a proposta municipal inclúe o deseño dun carril bici para mellorar a seguridade viaria de peóns, ciclistas e condutores.


Ángeles Vázquez trasladoulle ao rexedor a posibilidade de que esta actuación, cuxo orzamento inicial estimado supera os 480.000 euros, se leve a cabo ao abeiro do coñecido como plan Hurbe, un programa que foi impulsado pola Xunta no ano 2010 para apoiar ás administracións locais na execución de proxectos urbanísticos que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida da veciñanza, a través da mellora ou da construción de equipamentos e servizos públicos.

Segundo informa a Xunta, dende a súa posta en marcha, o plan Hurbe permitiu mobilizar xa ao redor de 163 millóns de euros, destinados a financiar máis de 400 intervencións urbanísticas en decenas de concellos galegos. E, durante este ano, o Goberno galego seguirá apoiando ás entidades locais na execución deste tipo de obras e intervencións urbanísticas cun orzamento de 8,6 millóns de euros, un 23 % máis que o reservado a tal fin en 2022.

0 comentarios

コメント


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page