top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Xunta e o Concello de Rodeiro asinan un acordo de colaboración para a reforma do centro de saúde

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 86.052 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello


Laura Moure/Rodeiro

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, veñen de asinar un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados pola directora Xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e pola xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez.

Comesaña e Quintá duranta a sintaura do acordo.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 86.052 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Rodeiro contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor e máis confortable. As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas que visitaron o centro o pasado mes de maio, consistirán na realización do acondicionamento do almacén existente no baixo andar do edificio posterior para o uso de consulta de pediatría coa súa sala de espera diferenciada. Para iso, eliminarase a porta existente e colocarase unha cristaleira que permita dotar de iluminación natural tanto a nova sala de espera como a consulta. Realizarase a apertura dunha porta de comunicación entre a nova sala de pediatría e o corredor a altura da zona de aseos.


Na actualidade, a consulta de pediatría está situada no andar alto do edificio principal, polo tanto non é accesible para subir os carriños de bebé e as escaleiras tampouco son axeitadas debido a antigüidade do edificio principal, e a que non dispón de ascensor. Este primeiro andar do edificio quedaría, trala obra, como sala de descanso, aseo e vestiarios do persoal.


A reforma resolverá tamén os problemas de accesibilidade que presenta o centro actualmente, pois as ambulancias non teñen posibilidade de acceso ao centro debido o tamaño do portal e ao desnivel existente entre a beirarrúa e a parcela. Para solucionalo, executarase unha modificación do acceso principal para eliminar o desnivel coa beirarrúa e dotalo de máis anchura para facilitar un acceso cómodo das ambulancias. Tamén se formula a ampliación da marquesiña existente de policarbonato nunha lonxitude dun metro, co obxecto de que serva como elemento de protección da chuvia.


Para solucionar os problemas de filtracións de auga á altura da zona de recepción, mellorarase construtivamente a cuberta plana cun sistema de impermeabilización axeitado. Na zona da cuberta do edificio situado na parte posterior, substituiranse as tellas mediante a execución dunha cuberta de panel sándwich e a substitución dos canles de PVC por outros de aluminio dobre illado. Realizarase ademais un pintado interior de todo o centro de saúde, previa limpeza e saneamento das zonas afectadas pola humidade.


Por último, substituirase a carpintería do edificio principal por unha nova con dobre acrisolamento e rotura de ponte térmica na que se procederá á colocación de estores enrollables de tecido tipo screen e repararase toda a instalación eléctrica.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page