top of page
Perruquería Marisa.gif

A Xunta e o Concello de Palas de Rei reforzan a súa colaboración para impulsar o emprendemento local

Durante unha reunión o conselleiro de Economía e Empresa e o alcalde abordaron distintos asuntos como a nova edición do espazo coworking que se vai desenvolver neste municipio


Laura Moure/Palas de Rei

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, mantiveron esta semana un encontro no que ambos destacaron a colaboración institucional como clave para impulsar novos proxectos e iniciativas empresariais e, entre outros asuntos, abordaron a nova edición do espazo coworking que en breve empezará a desenvolverse na localidade.


Na primeira edición desta aceleradora, na que colaboran a Xunta de Galicia a través do Igape, a Escola de Organización Industrial (EOI) e o propio Concello de Palas, participaron 14 iniciativas, e xa se crearon catro empresas a raíz deste coworking vinculado co Camiño de Santiago.

En total, incluíndo o de Palas de Rei, a Xunta de Galicia activará este ano 11 novos espazos coworkings nas catro provincias. Trátase de lugares de traballo, destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, estando deseñados para aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento no rural galego. Na provincia de Lugo, acollerán tamén espazos coworking A Ribeira Sacra, con sede en Monforte de Lemos, e A Mariña, con sede en Mondoñedo.


Distintivo de Concello Emprendedor

Na reunión entre Francisco Conde e Pablo Taboada tamén se destacou que Palas de Rei conta co distintivo de Concello Emprendedor, unha figura creada pola Xunta de Galicia coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Ser Concello Emprendedor implica que colaboran coa Administración autonómica na captación de novos investimentos para Galicia, contribuíndo a alcanzar tres grandes retos: máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso a solo industrial e máis incentivos fiscais. A cambio, os Concellos Emprendedores teñen prioridade en convocatorias de ordes de axudas da Xunta de Galicia dirixidas, por exemplo, á mellora dos parques empresariais, a posta en marcha de viveiros industriais ou o impulso da biomasa. Deste xeito, contribúese tamén á creación de emprego.

Na reunión entre o vicepresidente económico, Francisco Conde, e o rexedor de Palas de Rei, Pablo Taboada, abordáronse distintas vías de colaboración para impulsar o tecido empresarial, como o estudo de propostas para realizar melloras no polígono industrial local.


58 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page