A Xunta e o Concello de Lalín estudan a posibilidade de impulsar a mobilización das terras na zona
- ecosdacomarca
- 10 feb 2021
- 2 Min. de lectura
Medio Rural destina a este municipio máis de 125.000 euros para o arranxo das vías de comunicación para mellorar o acceso a parcelas agrícolas

Balseiro, González e Crespo durante a reunión.
Laura Moure/Lalín
O conselleiro de Medio Rural, José González, mantivo unha reunión co alcalde de Lalín, José Crespo, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio. Neste senso, analizaron os posibles instrumentos de mobilización de terras máis adecuados, habida conta a orientación gandeira da zona, e que terán especial implantación trala aprobación da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. No encontro tamén estivo o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
O conselleiro sinalou que esta lei ten como principal obxectivo promover a recuperación da terra abandonada ou infrautilizada e darlle base territorial a quen a desexe traballar. Desta forma, preténdese revitalizar o rural e traballar así pola recuperación demográfica, pola mellora da calidade de vida da poboación e pola anticipación aos lumes forestais.
.
Noutra orde de cousas, ambos dirixentes analizaron a necesidade de mellora das infraestruturas rurais do municipio. Nesta liña, José González destacou a importancia do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), que permite axudar de forma urxente aos municipios con carencias en infraestruturas ou con mal estado das mesmas. Así, este ano levarase a cabo un proxecto para realizar tratamentos superficiais e o reforzo das vías municipais, cunha axuda de algo máis de 36.200 euros.
Por outro lado, dentro do Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o Concello de Lalín ten outorgada unha contía de algo máis de 89.000 euros. Esta liña de aportacións, destacou o conselleiro, permite acondicionar as vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais. Co arranxo deses camiños, recalcou o titular de Medio Rural, "a Xunta non só contribúe á accesibilidade e vertebración do territorio senón tamén ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitando o tránsito de maquinaria ás explotacións conséguese tanto unha maior agilidade das operacións como unha redución de costes e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado".
Comments