A Xunta e o Concello de Lalín analizan iniciativas a prol do emprendemento e a dinamización do comercio
- Laura Moure
- 22 oct 2024
- 2 Min. de lectura
Destaca o papel dos polos de emprendemento como o de Silleda que é o que atende, entre outras, a persoas interesadas deste concello para a creación de negocios
Laura Moure/Lalín
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse onte co alcalde de Lalín, José Crespo, para avanzar na colaboración entre a Xunta e este concello en iniciativas que promovan o emprendemento e a dinamización comercial desta vila. Na xuntanza na que tamén estiveron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a concelleira de Comercio, Beatriz Canda, salientarion a importancia de apostar pola creación de actividade económica a través do traballo por conta propia.

Neste sentido, os polos de emprendemento, como o de Silleda, que é o que atende, entre outras, a persoas interesadas de Lalín, teñen un papel moi importante. Este polo leva asesorado arredor de 300 proxectos, predominando o sector servizos e a hostelería, entre outros, no marco dunha Rede que supera os 2.600 proxectos atendidos en toda Galicia.
Neste campo tamén ten unha importancia clave o comercio local, para o que a Xunta está a elaborar da man dos axentes implicados o Plan estratéxico de comercio, que incluirá medidas para fortalecer o sector e ao que tamén contribúen accións que leva a cabo o concello de Lalín como as aldeas de Nadal ou a Feira do Cocido, entre outras.
Publicidade
Obradoiros
Ademais abordaron ferramentas como os obradoiros de emprego dos que Lalín é beneficiario pois conta co apoio do Goberno galego no obradoiro dual Pontiñas que recibiu unha axuda de preto de 412.000 euros no marco da convocatoria deste ano. Unha acción cunha vintena de persoas participantes que recibirán formación durante nove meses ao tempo que desempeñan un traballo remunerado e que se centrará en operacións auxiliares de conservación e mellora de montes e de revestimentos continuos de construción.
A maiores, concedéuselle o obradoiro de emprego para menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil, denominado A Morea, cunha achega de máis de 274.000 euros. Centrado en traballos de xestión de almacéns en departamentos municipais e en entidades sen ánimo de lucro ao tempo que se incide na formación e capacitación das 10 persoas participantes durante doce meses.
Comments