top of page
Perruquería Marisa.gif

A Xunta e o CB Breogán promoverán a práctica do baloncesto ao aire libre en Palas de Rei o día 26

Esta iniciativa, que tamén chegará a outros catro municipios lucences, consistirá en actividades gratuítas e inclusivas dirixidas especialmente aos máis novos


Laura Moure/Palas de Rei

A Xunta de Galicia e o CB Breogán promoverán a práctica do baloncesto ao aire libre en cinco municipios lugueses do Camiño de Santiago, con actividades gratuítas dirixidas especialmente aos máis novos e inclusivas, xa que estarán adaptadas ás capacidades físicas dos diferentes participantes. Entre estes concellos figura Palas de Rei.

Así o anunciaron este xoves durante a presentación da iniciativa na Delegación Territorial da Xunta o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral do club, Tito Díaz, que estiveron acompañados por representantes municipais dos concellos involucrados: Guntín -que acollerá o programa o 5 de setembro -; Friol – o 12 de setembro -; Begonte – 19 de setembro -; Palas de Rei -26 de setembro -; e Baleira – 3 de outubro -. Tamén acudiron os xogadores Erik e Sergi Quintela e a mascota Maximus.

O programa O Breo no Camiño, apoiado pola Administración autonómica a través de O teu Xacobeo, incluirá talleres de baloncesto de iniciación ou perfeccionamento en zonas abertas -prazas, xardíns, espazos naturais...-, para o que instalarán canastras portátiles. A inscrición será de balde e precisa rexistro previo. O 20% das prazas estará reservado para persoas en risco de exclusión social, dependentes ou con escasos recursos.

Divulgación

Xogadores e técnicos do Breogán, acompañados por Maximus, realizarán treitos do Camiño nas respectivas localidades nas que se desenvolvan as actividades e divulgarán todas as accións a través de páxinas web e das redes sociais. Farán fincapé no respecto polo medio ambiente, xa que limparán plásticos que atopen ao seu paso e animarán aos peregrinos a apostar por materiais sostibles. Convidarán a algúns dos percorridos a artistas de diversas disciplinas, como o cantante David Prado, compositor do himno oficial do club.

Javier Arias destacou o vínculo entre os principios solidarios do Xacobeo e o deporte” e subliñou que nas dúas primeiras edicións de O Teu Xacobeo, a Xunta concedeu achegas por valor total de 1,1 millóns de euros para apoiar 96 proxectos na provincia de Lugo que tiveron repercusión en 40 municipios.

“Poucos como o Breogán poden representar tan ben os valores do Camiño; e o noso mellor embaixador”, afirmou Arias, quen engadiu que “o esforzo, a constancia, o sacrificio, a unión e a deportividade son só algúns dos conceptos que teñen en común”.

“Mais aló da promoción que poden facer o club e os xogadores procedentes de distintos países, creo que o Breogán ten ferramentas moi potentes, polo que significa no mundo do baloncesto, para divulgar o Camiño e as practicas saudables”, explicou.

Por último, o delegado territorial desexou “éxito aos xogadores e ao equipo no inicio da Champions League e na tempada na ACB” e animou a que “todos os socios sigamos apoiando ao club como ata de agora coa renovación dos abonos que remata este domingo”

24 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page