A Xunta e Dozón colaborarán nas obras de mellora dos espazos públicos no núcleo do Castro
Ángeles Vázquez anima ao rexedor a aproveitar as axudas para construír ou rehabilitar vivendas de alugueiro social e os fondos de cooperación que convocará proximamente o IGVS para incrementar o parque residencial de Dozón e recuperar inmobles municipais
Laura Moure/Dozón
A Xunta de Galicia e o Concello de Dozón colaborarán na execución dunhas obras de mellora en espazos públicos no núcleo do Castro. Así o acordaron esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Adolfo Campos, no marco dunha reunión de traballo para abordar este e outros asuntos de interese municipal.

Segundo figura no proxecto, as actuacións proxectadas divídense en tres zonas próximas entre si pero independentes: a rúa de acceso ao CEIP Pío Cabanillas; a entrada ao parque público do Castro; e o canellón que conecta a N-525 coa estrada provincial EP-6102.
A conselleira asumiu o compromiso de cooperar co Goberno local na execución destes traballos e trasladoulle ao alcalde que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo analizará agora o contido do proxecto co fin de determinar os termos concretos da colaboración entre ambas administracións.
Ademais, lembrou que desde hai 12 anos a Xunta mantén aberta a través do plan Hurbe unha liña de apoio económico aos concellos para contribuír á mellora dos equipamentos municipais e dos servizos públicos á disposición da veciñanza, uns obxectivos nos que, segundo dixo, encaixa a actuación proxectada no núcleo do Castro.
Apoio no eido residencial
Noutra orde de asuntos, conselleira e alcalde analizaron as diferentes liñas de axudas e programas xestionados pola Xunta que se van convocar proximamente e teñen como fin común colaborar coas entidades locais na promoción de actuacións no eido residencial. Neste sentido, Ángeles Vázquez referiuse ao novo programa para construír ou rehabilitar vivendas de alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, que prevé no caso dos concellos axudas de ata 700 €/m2, cun límite de 50.000 euros por vivenda; e tamén aos dous fondos de cooperación para municipios de menos de 50.000 habitantes, cos que o IGVS ofrece apoio financeiro para, por un lado, rehabilitar e conservar o patrimonio municipal xa construído, e por outro, adquirir ou promover vivendas de nova construción co fin de destinalas a alugueiro social entre a veciñanza.
Por último, a conselleira e o rexedor tamén falaron da futura ordenación urbanística do concello. Neste sentido, cómpre lembrar que Dozón é un dos 18 municipios que está traballando nun Plan básico municipal, figura prevista na Lei do solo para concellos de menos de 5.000 habitantes co fin de que poidan dispoñer dunha ferramenta urbanística propia coa que planificar unha ordenación básica do seu territorio.
Unha vez obtida xa a cartografía do concello, a empresa adxudicataria continúa a avanzar nos traballos necesarios para a redacción do PBM, que inclúen memorias xustificativas, a catalogación dos elementos a protexer en cada caso e os informes ambientais estratéxicos, entre outros.