A Xunta e Concello de Boimorto recuperarán a contorna do sendeiro da ‘Gabia dos Ánxeles’
- Laura Moure

- 14 sept
- 2 Min. de lectura
Augas de Galicia destina preto de 25.500 euros para acometer a instalación de pasarelas, elementos de sinalización e arranxos da canle existente do muíño nunha superficie de máis de 6.600 m2
Laura Moure/Boimorto
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático colaborará co Concello de Boimorto na recuperación de 6.645 m2 no sendeiro tradicional coñecido como a Gabia dos Ánxeles, situado neste concello coruñés. Augas de Galicia destinará preto de 25.500 euros para unha actuación moi demandada, en especial polos veciños da parroquia dos Ánxeles, lugar no que se desenvolverán a maioría dos traballos.
Na Casa Consistorial de Boimorto, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa deste municipio, María Jesús Novo, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre Augas de Galicia e este Concello para a execución das obras de recuperación de sendeiros tradicionais. No acto estiveron tamén presentes o director do organismo hidráulico, Roi Fernández, así como membros da Corporación local e veciños.

Ángeles Vázquez, que tamén visitou a zona na que se acometerán estes traballos, destacou a aposta do seu departamento pola mellora da accesibilidade e dos servizos públicos en contornas fluviais. Este tipo de actuacións, que inclúen reparacións e sinalización interpretativa, buscan fomentar o uso responsable dos espazos fluviais como lugares de lecer, educación ambiental e benestar comunitario.
Neste caso, a intervención nesta localidade coruñesa ten un prazo de execución de tres meses e será executada na senda coñecida como a Gabia dos Ánxeles. En concreto, a zona está relacionada coas concas dos ríos Batán e Iso, que son afluentes do Tambre e do Ulla, respectivamente.
En concreto, está previsto afrontar a limpeza manual e mecánica de sendeiros, incluíndo as marxes; así como a colocación de catro pasarelas, cinco sinais informativos e 16 fitos de sinalización. Cómpre indicar que os elementos están construídos en madeira. A maiores, nas zonas máis danadas do sendeiro, farase aporte de zahorra para o seu arranxo e tamén se reparará a canle existente nun muíño.
Publicidade
A mellora deste sendeiro tradicional en Boimorto contará cunha partida de 25.457,21 euros, que será asumida integramente por Augas de Galicia, departamento que tamén prestará asesoramento técnico á administración local.
Pola súa banda, o Concello de Boimorto comprométese á execución das obras de recuperación deste sendeiro tradicional da Gabia dos Ánxeles e, deste xeito, contribuír a reforzar o valor ambiental e paisaxístico da zona, garantindo un uso sostible e respectuoso da contorna fluvial pola veciñanza e visitantes.







Comentarios