A Xunta e a Deputación de Pontevedra asinan un convenio para a prevención de lumes forestais
- Laura Moure
- 20 feb 2024
- 2 Min. de lectura
Este está dotado con 600.000 euros que serán aportados, a partes iguais, pola Xunta e o organismo provincial
Laura Moure/Xeral O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinaron esta mañá un protocolo anual de colaboración para a prevención de incendios forestais na provincia dotado con 600.000 euros que serán aportados, a partes iguais, pola Xunta e o organismo provincial.

Neste acto, celebrado na Deputación de Pontevedra, o titular de Medio Rural en funcións
agradeceu o compromiso amosado polo goberno provincial pontevedrés e polo seu
presidente para poñer de relevo “a importancia da cooperación entre administracións nun
tema tan transcendente para o noso territorio como é a loita contra os incendios forestais”.
Explicou tamén que a finalidade do protocolo é realizar actuacións conxuntas dirixidas ao
mantemento e a conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal,
co fin de dotar de medios materiais a distintos concellos da provincia.
Publicidade
Así, contémplase, por un lado, a adquisición de maquinaria para a prevención e a defensa
contra os incendios forestais que se porá á disposición dos concellos pontevedreses; por
outra banda, a cesión de material titularidade da Deputación provincial aos propios
municipios e, en terceiro lugar, a formación especializada do persoal municipal no uso de
maquinaria de prevención a través do Centro Integral de Loita contra o Lume, situado no
municipio ourensán de Toén e que depende da Xunta.
Publicidade
Falta de disposición das deputacións da Coruña e Lugo
Precisamente, neste mesmo mes de febreiro se asinaba un novo protocolo de
colaboración -semellante ao asinado hoxe- para renovar a cooperación que se vén
mantendo nos últimos anos coa Deputación de Ourense, cuxa disposición a participar nos traballos de prevención dos incendios forestais foi tamén posta en valor polo conselleiro en
funcións.
Publicidade
Porén, José González insistiu en lamentar a falta de implicación das deputacións da
Coruña e Lugo -malia as repetidas chamadas da Xunta en tal sentido- para participar
nunhas tarefas nas que teñen a obriga legal -e mesmo moral, dixo o titular de Medio Rural
en funcións- de apoiar os concellos. Neste mesmo sentido, González sinalou que a loita
contra o lume “é cousa de todas as administracións e, en xeral, de toda a poboación,
porque se trata dunha tarefa compartida”, remarcou.
Comments