top of page

A Xunta dota ao CEIP cruceño de Piloño co servizo da rede de orientación persoal e familiar

Este centro exercerá como coordinador do resto dos colexios e institutos da súa área de influencia á que pertencen os concellos de Arzúa, Boimorto, O Pino, Touro, Melide, Sobrado, Toques, Santiso


Laura Moure/Deza

A Xunta de Galicia vén de ampliar a Rede de Orientación Persoal e Familiar de Galicia a un total de 42 centros públicos de Infantil, Primaria e Secundaria, dez máis que o pasado curso, que este ano exercerán como coordinadores do resto dos colexios e institutos da súa área de influencia para o apoio ao alumnado con maiores dificultades desde o punto de vista educativo e familiar. Entre estes centros nas comarcas figura o CEIP de Cerdeiriñas, de Piloño, Vila de Cruces. E deste servizo tamén goza dende 2021 o CEIP Xaquín Loriga de Prado, Lalín.

Esta acción, que a Consellería de Educación puxo en marcha de xeito pioneiro o curso pasado, supuxo a creación dunha rede de 32 centros educativos que exercían de dinamizadores das súas respectivas áreas a través doutras tantas unidades de acompañamento e orientación, dotadas con profesorado específico. Agora, co obxectivo de continuar o programa, a rede amplíase en dez centros máis.


Apoio ao alumnado máis vulnerable

A tarefa desta Rede de Orientación Persoal e Familia de Galicia céntrase en desenvolver actuacións específicas de apoio e seguimento ao alumnado más vulnerable desde o punto de vista educativo, ao tempo que colaborar coas familias e a contorna. Durante o pasado curso esta rede prestou apoio a preto de 500 alumnos e de máis de 300 centros educativos.

Ademais, co fin de atender á área xeográfica que lle corresponda e favorecer a mobilidade e o desprazamento dos profesionais, cada un destes centros constitúe unha unidade de Acompañamento e Orientación persoal atendida por unha persoa coordinadora do grupo dos 42 docentes incorporados para esta función.

Estes docentes -a razón dun por centro da rede- son os encargados do desenvolvemento de actuacións de apoio e seguimento ao alumnado que o precise. A súa función é a de complementar a actuación ordinaria dos centros educativos da súa área, sobre todo atendendo ás situacións máis delicadas, e sempre en coordinación cos departamentos de orientanción dos centros. Tamén se realizan labores de acompañamento ás familias, ofrecéndolles recursos para unha maior implicación nos procesos educativos dos seus fillos.

Esta Rede de Orientación Persoal e Familiar de Galicia sirve tamén de apoio e reforzo ao labor dos máis de 4.000 profesionais dedicados á orientación e o reforzo educativo que diariamente están traballando de xeito ordinario nos centros educativos galegos.


Así mesmo no caso deste servizo do CEIP de Cerdeiriñas, de Piloño, Vila de Cruces tamén exercerán como coordinadores do resto dos colexios e institutos da súa área de influencia que a conforma os centros dos concellos de Arzúa, Boimorto, O Pino, Touro, Melide, Sobrado, Toques, Santiso.


Mentres no caso do de Prado (Lalín) a súa área de influencia pertencen os colexios de Lalín, Vila de Cruces, Agolada, Silleda, Rodeiro, Dozón, Forcarei, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, A Lama.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page